XUNTA DE GOBERNO

Visto bo á modificación da zona de residentes de Pelamios-Vista Alegre

23/11/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a modificación e ampliación das rúas con dereito a tarxeta de residentes na zona 8 de Pelamios-Vista Alegre. A tenenta de alcalde, María Rozas, explicou que "os cambios responden á demanda da veciñanza da zona, ante a limitación das prazas de aparcamento despois das obras de reurbanización de Vista Alegre".

O acordo aprobado hoxe supón incluír na zona 8 as rúas de Bispo Diego Peláez, rúa de Noia, rúa de Boiro, praza de Álvaro Cunqueiro, rúa de Rianxo, rúa de Ribeira, rúa de Santa Comba e rúa de San Xoán, para que os seus veciños e veciñas teñan dereito a acceder ás tarxetas de residente. Ademais establécense novas zonas reservadas a residentes, en concreto as rúas de Santa Comba, a rúa lateral do parque de San Xoán, a rúa do Bispo Diego Peláez, e a rúa de San Xoán.

No caso da rúa de Santa Comba e na rúa lateral do parque de San Xoán permitirase o aparcamento libre durante o día, reservando o estacionamento para os residentes desde as 21.00 horas ata as 9:00 horas. No caso das rúas Bispo Diego Peláez e San Xoán, as prazas estarán reservadas para residentes as 24 horas.

Granxa do Xesto
Na Xunta de Goberno desta mañá tamén se aprobou o inicio do procedemento de adxudicación da explotación da cafetería da Granxa do Xesto. O contrato será por tres anos, prorrogables por dous máis, e o canon mínimo a ingresar pola concesionaria será de algo menos de 5.000 euros anuais.

Ademais, hoxe aprobouse o inicio do expediente de adxudicación de subministración de dous vehículos: un furgón para o servizo de atestados da Policía Local, por un importe de 21.175 euros, e un todoterreo tipo pick up para Protección Civil, por 18.755 euros.

Por último, a Xunta de Goberno resolveu hoxe a convocatoria aberta de axudas de apoio a procesos culturais para entidades sen ánimo de lucro. En total, repartiranse 50.000 euros entre 22 entidades.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: