IGUALDADE

Santiago de Compostela apela a que a loita contra as violencias machistas sexa unha "prioridade institucional e política"

23/11/2018 A praza do Obradoiro acolleu esta mañá un acto de conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas, no que participaron nove institutos de Santiago, Teo e Val do Dubra.

A tenente de alcalde, María Rozas, deu a benvida aos centros educativos e á veciñanza en xeral que se achegou ao Obradoiro e definiu esta xornada como "un día no que queremos berrar que nos queremos libres, que nos queremos vivas". María Rozas sinalou que "a violencia contra nós, contra as mulleres é a forma máis extrema de desigualdade, pero non é a única" e engadiu que "as mulleres, polo mero feito de selo, temos que enfrontarnos a situacións machistas que non podemos pasar por alto como sociedade, porque se seguimos sendo cómplices desta lacra estrutural perpetuaremos estes comportamentos". Finalmente, a tenente de alcalde lembrou outro tipo de violencias xa que "o control tamén é violencia, o illamento da parella tamén é violencia, o acoso no eido laboral tamén é violencia".

Posteriormente, Noelia Pereiro, do IES Antón Fraguas; Cecilia Segade, do IES Xelmirez I; Amal Abddel Mawla, do IES Xelmírez II; Aldara Rodríguez, do IES Fontiñas; Rita Domínguez, do IES Lamas de Abade; Alba Aguiar, do IES Rosalía de Castro; María Noya, do IES San Clemente, e Ángel López do IES Val do Dubra, deron lectura á declaración institucional aprobada polo Concello de Santiago no último pleno. Nela recóllese a importancia de que se continúen "impulsando as medidas recollidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nos ámbitos educativo, social, xurídico, económico, de protección, de concienciación e de sensibilización social".

Os alumnos e alumnas puideron ver, ao remate do acto, unha performance levada a cabo polo colectivo LAG, formado por Lara Buyo e Ana Corujo. Tamén participou no acto a Asociación de Persoas Xordas de Santiago, con Laura Valladares como intérprete,

Exposición
Ata o 26 de novembro estará dispoñible na praza do Obradoiro a exposición En negro contra as violencias, patrocinada por Finsa e a Fundación Paideia. A instalación, que percorrerá diferentes vilas e cidades de Galicia, ten como principal obxectivo ir máis alá da campaña, e amosar a realidade das situacións de violencia contra as mulleres que se dan na nosa sociedade. A mostra, formada por un triángulo completamente negro de 1224 x 918 x 918 cm por 280 cm de alto, contén a información necesaria para contextualizar e explicar a orixe e as diferentes formas da violencia contra as mulleres.

Trátase tamén de incluír unha información detallada e rigorosa cunha metodoloxía de sensibilización activa, de maneira que as persoas que se acheguen á exposición En negro contra as violencias poidan interactuar e afianzar unha conciencia crítica contra as violencias machistas.

Conta con material audiovisual e documentais sobre os tres anos da acción, así como material realizado por diferentes IES de Galicia contra as violencias machistas.

Actividade no IES Rosalía de Castro
A concelleira Marta Lois participou tamén esta mañá da inauguración da exposición sobre o 25 N que os alumnos e alumnas do IES Rosalía de Castro elaboraron co gallo do Día Internacional contra as Violencias Machistas.

Compartir: