CONSORCIO

A Casa do Cabido acolle unha mostra que reúne unha selección de debuxos das tres edicións de "Compostela Ilustrada"

22/11/2018 A Casa do Cabido acolle a exposición patrocinada polo Consorcio de Santiago Tres anos de Compostela Ilustrada. Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe, unha iniciativa que arrancaba no ano 2016 baixo a dirección do ilustrador Miguelanxo Prado. Esta mañá inaugurábaa o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega. Ao acto asistiron a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o responsable de Exposicións do organismo interadministrativo, Juan Conde; a comisaria da exposición, Gemma Sesar; xunto a varios debuxantes que participaron nestes encontros.

A mostra aglutina un centenar de obras de 32 artistas procedentes de diferentes puntos de España, Portugal, Francia e Xapón. É a primeira vez que se expoñen os traballos destes encontros internacionais.

Tal como resaltan os seus promotores, as tres pezas clave de Compostela Ilustrada son o turismo, a cultura e a arte; posto que busca descubrir e promocionar unha cidade diferente aos propios composteláns e tamén aos seus visitantes. Nesta liña, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, manifestou que "estamos moi afeitos á fotografía e á pintura, pero menos aos debuxos e ás ilustracións e estes son marabillosos, ofrecen unha visión moi particular da cidade".

"Os movementos de debuxantes urbanos están cada día máis en auxe e forman parte xa da paisaxe das grandes cidades, cuxos habitantes están afeitos a ver grupos de xente na rúa retratando o que ven, porque aquí o bo non é tanto a excelencia do debuxo senón a frescura e o achado de capturar o momento que reflicten", salienta a comisaria da exposición, Gemma Sesar.

Nesta mostra preséntase un breve resumo do traballo realizado durante estes tres anos de vixencia do certame -2016, 2017 e 2018- polos artistas convidados, tanto figuras recoñecidas como valores en alza, e polos participantes no mesmo. É o caso de nomes como Javier Mariscal, Miguelanxo Prado, os franceses Catel Muller e Lapin, Fausto, Maru Godas, Inma Serrano, Celia Burgos, Joaquín González Dorao, Isabell Seidel, Ana Luisa Frazão, Mr. Zé, Nanda Cabaleiro ou o xaponés Ikeda Munehiro, entre outros moitos.

Martiño Noriega sinalou que "nesta mostra reúnese o traballo acumulado de tres anos, un traballo espectacular. É un patrimonio moi importante que permite ver unha nova perspectiva da cidade".

No transcurso da presentación, a artista visual Catalina Rodríguez, coñecida como Catalamitad, explicou a obra que realizou hai uns días no marco da terceira edición de Compostela Ilustrada, que se celebrou entre o 8 e 11 de novembro baixo o lema "Natureza urbana". Trátase dun mural que titulou Ananda, que, segundo indicou, significa "alegría" e reflicte o camiño interior propio que se pode atopar na natureza, neste caso representada a través de varios parques da cidade porque en Santiago sorprende a cantidade de espazos verdes que hai".

Na Casa do Cabido ata o 9 de xaneiro
A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata o día 9 do vindeiro mes de xaneiro. Poderá visitarse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns, a Casa do Cabido está pechada ao público.

Compartir: