ACCIÓN CULTURAL

Máis dunha vintena de compañías beneficiáronse das tres convocatorias de residencias artísticas na Sala Agustín Magán

21/11/2018 Un total de 24 compañías beneficiáronse das tres convocatorias de residencias artísticas postas en marcha pola concellería de Acción Cultural dende xaneiro de 2017. No espazo do Centro Cívico de Santa Marta preparáronse 31 espectáculos de artes escénicas grazas a estas convocatorias, as únicas destas características que existen en toda Galicia.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, fixo balance hoxe das convocatorias de residencias artísticas, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Hugo Torres, da compañía Voadora, que traballará na Sala Agustín Magán neste último trimestre do ano. A concelleira mostrouse moi satisfeita co resultado deste programa, que "nos permitiu recuperar para o sector profesional un espazo infrautilizado como a Sala Agustín Magán". Ao tempo, salientou que "as residencias contribúen a mellorar as condicións de traballo das compañías de artes escénicas, que poden utilizar un espazo municipal para probar e axustar os seus procesos de creación".

Nesa liña, o director artístico de Voadora expresou o seu agradecemento por estas iniciativas, que "dan facilidades ás compañías no seu proceso de creación, e que no caso de Voadora reforza os nosos lazos con Compostela, a cidade que é o epicentro da nosa acción". Hugo Torres explicou que o espectáculo no que están a traballar na Sala Agustín Magán, Viñemos a dalo todo, vai ser "un concerto do que xorde un espectáculo de teatro, afondando na vinculación coa música que adoitan ter as nosas propostas". Está previsto que a montaxe sexa estreada en xaneiro, e poderase ver no Teatro Principal.

31 espectáculos de 24 compañías
A primeira convocatoria de residencias artísticas permitiu que un total de oito compañías utilizaran a Sala Agustín Magán entre xaneiro e xuño de 2017. No período de setembro de 2017 a xullo deste ano foron trece as compañías seleccionadas, mentres que na última convocatoria (de setembro de 2018 a xullo de 209), serán un total de dez as compañías residentes.

Na lista de beneficiarios das residencias figuran compañías de diferentes disciplinas como Producións Excéntricas, Pistacatro, Teatro Babaluva, Funboa ou Circo Chosco. Nesta última convocatoria foron seleccionadas Teatro do Noroeste/Luma Gómez, Inversa Teatro, XamPatito Pato e Circo Chosco, que xa pasaron polo Centro Cívico de Santa Marta dende o mes de setembro. De aquí a xullo, utilizarán o espazo Voadora, Berrobanbán, Produccións Excéntricas, a compañía IO, os Monicreques de Kukas e La Vela.

Colaboración co Colectivo RPM
Branca Novoneyra lembrou, ademais, que a Concellaría de Acción Cultural está a colaborar co Colectivo RPM no programa Residencias Paraíso, que impulsa en colaboración coa Axencia Galega de Industrias Culturais. A Sala Agustín Magán foi un dos espazos de toda Galicia que acolleu estas residencias artísticas, de entre dúas e tres semanas de duración. En concreto, no escenario de Santa Marta estivo traballando a artista Cris Balboa, co seu proxecto Lo que sigue.

A concelleira de Acción Cultural lembrou que a Sala Agustín Magán tamén está a ser utilizada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, para desenvolver alí os seus obradoiros de dramaturxia.

Compartir: