EDUCACIÓN

Troula e arte para dinamizar as escolas rurais de Compostela

26/01/2007 "TroulARTE" é o título da ludoteta itinerante que percorrerá en 2007 as escolas rurais de Santiago. Trátase dun proxecto de animación sociocultural destinado a nenos e nenas de idades entre 6 e 12 anos, que se integra no Plan de dinamización das escolas rurais de Compostela.

Xandobela será a empresa encargada de por en marcha este proxecto, que pretende ser una simbiose de troula, arte, diversión e aprendizaxe. A ludoteca viaxará unha vez por semana a cada escola, cunha actividade de dúas horas centrada nunha programación temática que se renovará mensualmente. Os seus principios de actuación son o compromiso coa lingua galega, a coeducación, o respecto ao medio ambiente, a cultura da paz e os hábitos saudables.

A proposta inclúe xogos variados e obradoiros artísticos e creativos, ademais dun tempo de xogo (montables, figuras, puzzles, pinturas, etc). Haberá xogos populares, sesións de animación á lectura ou actividades de exercicio físico e bos hábitos alimenticios. As temáticas mensuais de febreiro a maior serán, respectivamente, o Entroido, os xogos do mundo, a cociña e o xogo coas letras.

Participarán nestas actividades as escolas rurais de A Susana-Marrozos, Sisto-Marrozos, A Peregrina, Gaioso-Eixo, Feáns Villestro e Rial-Laraño, ademais dos CEIP Roxos Villestro e Rodríguez Xixirei.

O Plan de dinamización das escolas rurais tamén inclúe a participación dos rapaces nas distintas actividades organizadas durante o ano pola Concellaría de Educación e Mocidade. A máis próxima é a Quincena de educación para a paz, a convivencia e a solidariedade, o venres 2 de febreiro, no Centro Sociocultural do Ensanche. Os escolares visitarán a exposición "Plantando libros", participarán nunha sesión de contacontos e traballarán nun obradoiro sobre convivencia en paz. Tamén haberá unha visita á Biblioteca Nova 33, de Caixa Galicia.

Compartir: