CENTROS CÍVICOS E ACCIÓN CULTURAL

O Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre, depositario da documentación do programa ONDA

20/11/2018 O Centro Cívico do Romaño vaise converter no depositario de toda a documentación elaborada para e durante a celebración do programa ONDA, os días 20, 21 e 22 do pasado xullo. O coordinador do proxecto, Pepe Sendón, fixo hoxe entrega dese material á concelleira de Centros Cívicos, Concha Fernández, e á responsable de Acción Cultural, Branca Novoneyra. Con esta cesión, o centro do Romaño convértese en lugar de referencia para o Observatorio da Nova Diáspora.

O programa ONDA celebrárase no mes de xullo ao abeiro das festas do Apóstolo, co obxectivo de "dar a coñecer e poñer en valor o traballo dos creadores e creadoras galegos que viven fora de Galicia, dándolle voz así aos novos emigrantes". As xornadas, coordinadas por Pepe Sendón, contaron coa participación de "homes e mulleres do mundo académico, das artes plásticas, da música, do activismo social, da literatura, do asociacionismo, do cine ou do pensamento". Entre outros nomes propios, no programa participaron Xavier Queipo, Gonzalo Hermo, Xelís de Toro, Óliver Escobar, Elías Portela, Xosé Gael ou o grupo Ialma. Ademais, no marco do programa ONDA presentouse o "Manifesto por unha Embaixada Galega", impulsado por emigrantes e fillos e fillas de emigrantes.

Documentación para consulta
Pepe Sendón explicou que as actividades do ONDA quedaron rexistradas en vídeo "e calquera persoa pode consultar todo o que aconteceu nas xornadas, a través da web onda.gal". Ademais, na biblioteca do Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre quedará depositada en formato dixital e físico toda a documentación producida para o programa, de cara a que se converta no futuro no repositorio de referencia dos materiais orixinados por este proxecto.

Direcciones relacionadas



Compartir: