CONSORCIO

O director estadounidense Erik Nielsen ponse á fronte da Real Filharmonía de Galicia esta semana

19/11/2018 A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana o seu habitual concerto de abono no Auditorio de Galicia, o xoves 22 ás 20:30 horas. A batuta levaraa o mestre estadounidense Erik Nielsen, no que será o seu debut coa RFG. É o actual director titular da Orquesta Sinfónica de Bilbao e director musical do Teatro de Basilea.

A orquestra interpretará un programa titulado "Primavera Apalache", que arrincará coa Sinfonía nº 93 de Franz Joseph Haydn (1732-1809), un dos principais representantes do período clásico, coñecido como o pai da sinfonía polas súas importantes contribucións a este xénero. Os músicos tocarán a primeira das coñecidas como "Sinfonías de Londres", un total de doce obras inspiradas nas viaxes que o compositor realizou á capital británica.

A continuación, o público poderá escoitar a obra Printemps (Primavera), de Claude Debussy (1862-1918), unha figura central na música europea de finais do século XIX e comezos do XX. Esta peza está baseada no cadro homónimo de Botticelli. A partitura perdeuse durante un incendio, polo que Debussy compuxo unha nova versión, que se estreou en París en 1913.

Primavera dos Apalaches, de Aaron Copland
O concerto concluirá con Appalachian spring (Primavera dos Apalaches), de Aaron Copland (1900-1990), un dos compositores máis relevantes da identidade musical de Estados Unidos no século XX. Nesta ocasión, a Real Filharmonía de Galicia tocará a versión con orquestra completa de 2016. É unha obra moderna que describe unha festa de primavera de colonos americanos ao redor dunha granxa recentemente construída nos outeiros de Pensilvania na primeira metade do século pasado.

Compartir: