PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os comercios gañadores do Concurso de Escaparatismo recibiron as súas bandas de recoñecemento

26/01/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, entregou unha banda de recoñecemento a cada un dos comercios gañadores das diferentes edicións do Concurso de Escaparatismo "SCQ Shoping" dende o seu inicio, no ano 2004. A banda está deseñada para instalar nos escaparates das tendas. No seu percorrido polas distintos establecementos, Iglesias estivo acompañada por representantes das asociacións de comerciantes da cidade.

Os dez comercios premiados en 2006 e que recibiron as súas bandas foron: Medialúa (Rúa Travesa), Sombrerería Iglesias (Rúa do Vilar), Zürich SCQ (Rúa do Vilar), Enjabonarte (Bautizados), Yves Rocher (Avenida Figueroa), Canalé (Senra), Bo Concept (Xeneral Pardiñas), Andrómenas, (Doutor Teixeiro) e Mamápata (República do Salvador). Tamén recibiron a súa banda Fiuncho (Montero Ríos), gañadora en 2004, e Seguridade A-1 (República Arxentina), que acadou un accésit en 2005.

No mes de febreiro escollerase un gañador final entre os premiados nalgunha das edicións do ano 2006. O premio entregarase na II Gala do Comercio Compostela Capital de Compras, que tamén homenaxeará a cinco comerciantes da cidade. Coa gala, que se celebrará o 30 de marzo, remata o programa de dinamización comercial "Marzo mes do comercio".

Este programa contempla dúas exposicións. A primeira, coa que comezan as actividades do programa é "Historia do Comercio de Compostela", na que colabora a Concellaría de Cultura. A mostra, que estará ubicada na Fundación Torrente Ballester, na rúa do Vilar, estará composta por fotos antigas, obxectos relacionados coa actividade comercial e paneis explicativos da importancia do comercio na vida e na economía da cidade. A segunda é unha exposición sobre o presente: "De Compras por Compostela". Consistirá en 20 fotos sobre a actividade comercial sacadas polos fotógrafos Fran Herbello e José Caruncho, cunha dimensión de un metro de alto por un metro de longo.

Dentro do programa "Marzo mes do Comercio" tamén se levará a cabo unha "outlet" ou feira de saldos no recinto feiral de Amio e un mercado para nenos coa finalidade de inicialos no consumo responsable.

Compartir: