ACCIÓN CULTURAL

Chegan a Cineuropa os novos traballos de Lars von Trier e Carlos Reygadas

12/11/2018 Ás 20:00 h da noite do martes, no Teatro Principal compostelán, aterrará o novo desa cita indiscutible deste festival que é o cinema do dinamarqués Lars von Trier. A casa de Jack é a historia dun psicópata protagonizada por Matt Dillon e Uma Thurman que Von Trier utiliza para plasmar unha serie de reflexións sobre a arte e a moral.

De seguido, na mesma sala ás 22:45 h, poderán asistir á estrea de The green fog, a particular e estimulante interpretación do director Guy Maddin sobre un clásico de Alfred Hitchcock, Vértigo, utilizando imaxes de películas antigas e programas de televisión. O Salón Teatro acollerá ás 21:45 h a última obra dun dos cineastas máis honestos da actualidade, que non é outro que o mexicano Carlos Reygadas. Nuestro tiempo é unha obra de amor, unha maneira de tender pontes para reconstruír unha parella despois dunha tempada no inferno. Maxistral na súa moi nobre impudicia.

Pero máis alá dos grandes nomes, este martes poderemos asistir ás proxeccións do novo de László Csuja, O val das flores (ás 18:00 h no Salón Teatro), que vén de gañar o premio especial do xurado da sección East of the West no Festival de Karlovy Vary International e o premio do xurado da crítica no Palic International Film Festival. Tamén Christina Vandekerckhove nos ofrece un interesante documental en Rabot —que poderemos ver ás 17:30 h no Museo das peregrinacións—, a historia de amor, soidade e pobreza dos inquilinos dun bloque de vivendas sociais ao bordo da demolición. Ás 17:30 h, nos Multicines Compostela, teremos a última oportunidade de asistir á proxección da ópera prima de Renan Rovida, Sem raiz, unha empoderadora alegación contra a precariedade laboral e a ferocidade do capitalismo. Outra recomendación é o interesante documental Robar a Rodin (ás 16:30 h no Salón Teatro), de Cristóbal Valenzuela Berríos, que se goza como unha mestura de comedia de enredo e drama costumista contado con pulcro estilo xornalístico, pero que resulta ser autenticamente real.

Pola tardiña (ás 16:45 h no Teatro Principal) teremos unha nova oportunidade de conversar con Pedro Cruz, actor protagonista de Ojos de madera, filme de Roberto Suárez e Germán Tejeira que foi galardoado cos premios á mellor ficción nacional, fotografía, dirección de arte, música, montaxe, dirección novel e mellor actriz pola Asociación de Críticos do Uruguai. E tamén compartiremos tempo e espazo con Ángel Cordero, director do interesante á vez que entrañable documental Pedrón do Freixo. A cita será ás 19:15 h no Museo das Peregrinacións.

A programación do día completarase con varias proxeccións de carácter gratuíto exhibidas nos Multicines Compostela, Sala Agustín Magán e o Museo das Peregrinacións.

Direcciones relacionadas



Compartir: