CONSORCIO

A recoñecida trompista norueguesa Frøydis Ree Wekre formará a músicos/as galegos/as noveis

12/11/2018 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos/as. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza da prestixiosa trompista norueguesa Frøydis Ree Wekre, que formará tanto aos/ás estudantes da Escola como a alumnado externo interesado en perfeccionar a súa interpretación coa trompa.

As clases celebraranse o xoves 22 de novembro, de 10:00 a 13:00 horas pola mañá e de 16:00 a 20:00 horas pola tarde; e o venres día 23, de 12:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Os/as músicos/as que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os/as aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

onferencias e clases maxistrais por todo o mundo
Frøydis Ree Wekre naceu na cidade norueguesa de Oslo en 1941, no seo dunha familia de músicos. Dende moi nova comezou a estudar piano e violín, aínda que aos dezasete anos se decidiu pola trompa. Ademais de cursar estudos no seu país, formouse en Suecia, Rusia e os Estados Unidos.

Despois de gañar o primeiro premio no concurso nacional para músicos de vento, en 1965 accede ao posto de axuda de solista da Orquestra Filharmónica de Oslo, no que estivo ata o ano 1990. Na actualidade é profesora de trompa e de música de cámara na Academia Norueguesa de Música. Actúa como solista, interpreta música de cámara, imparte conferencias e clases maxistrais por todo o mundo, ao tempo que participa como xurado en certames internacionais.

O seu libro Reflexións sobre como tocar a trompa ben ten sido traducido a varios idiomas. Numerosos compositores escribiron obras para ela. Foi presidenta da Sociedade Internacional de Trompa, da que é membro honorario dende o ano 1994.

Compartir: