PLENO

Xaquín Fernández Leiceaga e Luis Toxo formalizaron a súa marcha do Concello

25/01/2007 Os ata agora concelleiros de Facenda e Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga, e de Urbanismo, Luis Toxo Ramallo, formalizaron a renuncia ás súas actas de edís na sesión do Pleno municipal. Atrás queda unha longa traxectoria de ambos, que deixan as súas responsabilidades municipais para dedicarse aos seus labores como deputados autonómicos.

Xaquín Fernández Leiceaga exerceu durante case oito anos como responsable de Facenda e de Transportes. Deixa listos os orzamentos municipais para 2007 e un balance de xestión do que el mesmo destaca cuestións coma o saneamento das contas municipais, a modernización da xestión tributaria, a mellora no servizo de transporte urbano, a nova cara da Estación de Autobuses e mesmo a introdución da tarificación por minutos nos aparcadoiros públicos.

Pola súa parte, Luis Toxo deixa o Concello despois de 24 anos coma concelleiro. Comezou como responsable de Servizos Sociais e Parques e Xardíns, pero a súa traxectoria abarcou diversos ámbitos. Na última etapa, centrou o seu traballo na área de Urbanismo, na que deixa un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) listo e unicamente pendente da aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia. Marcha satisfeito de ter participado en fitos importantes como o Estatuto da Capitalidade, o primeiro plan de rehabilitación do Casco Histórico, a Capitalidade Cultural ou a creación do Consorcio de Santiago, entre outros.

Na súa despedida, Fernández Leiceaga dixo marchar "satisfeito e orgulloso" de ter contribuído a o proxecto dunha cidade "máis próspera e con calidade de vida". Pola súa parte, Luis Toxo destacou, por riba mesmo da tarefa política, o feito de "ter coñecido a moitas personas anónimas maravillosas". Comparouse con soldado Ryan ao lembrar que fora rescatado para seis lexislaturas. "Por Santiago, Sempre", concluíu.

Os voceiros dos tres grupos municipais recoñeceron o labor dos dous ex-concelleiros. Tamén o fixo o alcalde, quen lles comentou a ámbolos que marchaban "coa satisfacción do deber cumprido" e a "honra" que supuxera traballar con eles.

Compartir: