ACCIÓN CULTURAL

Chega a Cineuropa a Palma de Ouro de Cannes: "Un asunto de familia"

09/11/2018 O cinema do veterano Hirokazu Kore-eda volve a este festival coa Palma de Ouro de Cannes entre as súas mans. Un asunto de familia (que se proxectará ás 18:00 h no Teatro Principal) é, sen dúbida, o mellor Kore-eda dos últimos anos, unha película viva e corrosiva —con moito do cine de pícaros de Berlanga ou Ferreri—, sobre as singulares ocupacións dunha familia aparentemente convencional.

De seguido, ás 20:15 h na mesma sala, proxectarase o primeiro pase de Mi obra maestra, o novo traballo de Gastón Duprat que vén de gañar o premio do público na Seminci. O filme, unha visión paródica do mercado de valores da pintura contemporánea, está protagonizado polos excelentes Guillermo Francella, Luis Brandoni e Raúl Arévalo. Ás 22:15 h, haberá unha nova oportunidade de ver Dogman, o último de Matteo Garrone, que precederá a Marlina, asasina en catro actos, da cineasta indonesia Mouly Surya, unha magnífica mostra de cinema reivindicativo cunha mensaxe directa de sororidade e emancipación feminina transmitida con moita forza.

Ás 16:00 h, no Teatro Principal exhibirase o último filme de animación de Mamoru Hosoda, Mirai, a miña irmá pequena, que inicia unha serie de proxeccións que Cineuropa programa en versión orixinal subtitulada para toda a familia.

Esta tarde contaremos coa presenza de Elías León Siminiani, que visita de novo este festival tras o éxito de Mapa. Apuntes para una película de atracos parte novamente do persoal para afondar nas catacumbas da cidade, onde se moven como peixe na auga os butroneiros. A cita con Siminiani será ás 20:15 h no Salón Teatro. Ao rematar o encontro, comezará Leto, de Kirill Serebrennikov, unha nostálxica e potente película sobre unha banda de rock no Leningrado dos anos 80 que gozarán sen remedio.

A sala dúas dos Multicines Compostela acollerá ás 21:45 h a estrea de O val das flores, un luminoso e emotivo filme sobre un particular núcleo familiar. Os noveis Réti László, campión de patinaxe nas Olimpiadas Especiais, e Berényi Bianka, celebridade de Instagram, interpretan con total naturalidade unha peculiar e fortuíta parella, tan libre como desorientada nun mundo sobrado de convencionalismos. Na mesma sala, ás 19:45 h, pasarase por segunda e última vez neste festival a ópera prima de Sonja Prosenc, Historia de amor, un filme visualmente hipnótico e de potente banda sonora que reflexiona sobre a asimilación da morte dun ser querido. Ás 17:30 h teremos unha nova oportunidade de achegarnos á figura do lendario Ingmar Bergman no ano do seu centenario da man de Jane Magnusson a través de Bergman: a year in a life.

A programación do día completarase con varias exhibicións gratuítas celebradas no Salón Teatro e a Sede Afundación.

Direcciones relacionadas



Compartir: