IGUALDADE

O Centro Cívico das Fontiñas acolle as xornadas sobre delitos contra a integridade sexual no marco das accións do 25N

07/11/2018 O Concello de Santiago e o grupo de Cidadás Inquietas de Compostela veñen de organizar unhas xornadas técnicas sobre delitos contra a integridade sexual, ao abeiro da campaña En negro contra as violencias. A concelleira de Igualdade, Marta Lois, e a avogada María Luisa Pasín deron conta do contido das mesmas en rolda de prensa.

Estas xornadas nacen como consecuencia da necesidade de actualización dos criterios á hora de intervir coas vítimas de delitos sexuais, especialmente daquelas que se atopan en situación de vulnerabilidade; ben pola súa idade, sexo, estado físico ou mental ou ben polas súas circunstancias sociais, económicas, éticas ou culturais.

Tal e como explicou Marta Lois, "as xornadas, de perfil eminentemente técnico, teñen como obxectivo final o establecemento de contactos para a creación dunha comisión que elabore un protocolo que teña como obxectivo a coordinación de profesionais dos ámbitos educativo, sanitario, social, policial e xudicial que interveñen con vítimas de delitos sexuais no Partido Xudicial de Santiago de Compostela".

Catro mesas
As xornadas contarán con relatoras dos ámbitos mencionados e das forzas de seguridade, que presentarán as súas ponencias ao redor de 4 mesas: detención e intervención nos delitos sobre a integridade sexual no ámbito social, investigación nos delitos contra a integridade sexual, pautas de actuación no ámbito forense-sanitario e protección da vítima e dereito de defensa na instrución e axuizamento dos delitos sobre a integridade sexual.

Na primeira mesa, moderada pola xurista Estefanía Lodeiro, participarán Lorena Nieto, psicóloga do Programa Vagalume das Oblatas e Cáritas Diocesana de Santiago; Mayte Celeiro, educadora social e coordinadora da área de protección de ARELA; María Teresa Fernández, traballadora social do CHUS, e María Teresa Hermida, psicóloga do Equipo Técnico de Menores. Será o xoves a partir das 16:30 horas.

A partir das 18:30 horas terá lugar a segunda mesa sobre "Investigación nos delitos contra a integridade sexual", que estará moderada por Patricia López Arnoso e contará coa participación do inspector da Policía Nacional, César Ramos; a fiscal de área de Santiago, Pilar Fernández e Jorge Gonález, da brigada do EMUME.

Xa o venres, ás 16:30 horas, será o momento de debater sobre as pautas de actuación nos delitos contra a integridade sexual no ámbito forense-sanitario, coa moderación da xuíza Ana López-Suevos e a participación da médica forense do IMELGA, Begoña Rubio; a psicóloga forense do IMELGA, Paula Souto e a psicóloga da Oficina de Atención á Vitima, Susana García Novoa.

A última mesa das xornadas, moderada por María Luisa Vieito, versará sobre a protección da vítima e do dereito de defensa na instrución e axuizamento dos delitos sobre a integridade sexual. Formarán parte da mesma María Luisa Pasín Mato, avogada do Colexio de Avogacía de Santiago; Antía Alvaredo, letrada da Administración de Xustiza do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, e Ana López-Suevos, maxistrada titular do Xulgado de Instrución número 1 da nosa cidade.

Documentos relacionados



Compartir: