MOCIDADE

O programa "Boas Noites" trae de novo unha morea de actividades os xoves e venres de novembro

06/11/2018 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, presentou o programa Boas Noites, unha das actividades máis votadas no proceso de orzamentos participativos do 2018, e que leva xa tres edicións. Na rolda estivo acompañada de Nerea Couselo, da empresa Xandobela, e de Hadrián Rei, da Asociación Cultural e Xuvenil Itaca, encargada de propoñer e desenvolver esta actividade.

O programa realízase en varias localizacións como a Casa do Matadoiro, As Brañas de Andrés, o Centro Xove da Almáciga, a sede da Asociación Itaca ou o campo de fútbol de Belvís, entre outras. Tal e como destacou Noa Morales, "este programa ten varios puntos positivos, xa que enriquece a oferta cultural e de lecer da cidade, ofrecendo ocio alternativo á xente moza de Compostela e fortalece o traballo de base das persoas, asociacións e colectivos do Concello que elaboran de maneira conxunta a programación".

A actual proposta busca posibilitar a continuación deste traballo en rede iniciado os anos pasados, que axuda non só a dispoñer dunha alternativa de lecer máis enriquecedora, activa e construtiva, senón que tamén permite difundir o traballo das asociacións do concello e desenvolver e proxectar o talento e a creatividade da mocidade compostelá.

Noites temáticas
Os xoves de novembro será tempo de noites temáticas na Casa do Matadoiro. O día 8, baixo o tema "Foliada", terá lugar un "Obradoiro de percusión miúda" de 20:30 a 22:00 horas con Ariel Ninas, e unha actividade de baile que leva por nome "Entra no baile a bailar(e)", con Chus Caramés, de 21:00 a 22:00 horas. Á mesma hora, o grupo Habelas Hainas achégannos "Canto de aquí a mañán(e)". Para ambas actividades é preciso inscrición previa.

O 15 de novembro, a Casa do Matadoiro será unha festa mexicana: de 21:00 a 22:00 horas con Alejandro Nuricumbo, que dará un "Obradoiro de papel picado"; e de 21:00 a 22:00 horas, Emilio Iniesta será o encargado de impartir un obradoiro de instrumentos de percusión latinos con refugallo. Tanto esta como a anterior actividade necesitan inscrición previa. Porén, para o concerto da Cumbacha de la Martiniana, que se celebrará a partir das 22:15 horas, a entrada é de balde.

O 22 de novembro é o momento de vivir a "Festa swing" cun obradoiro de "Lindi Hop", outro de "Reláxome, respiro e canto" e outro de "Blues e jazz", onde se fará un percorrido pola historia e os fundamentos rítmicos destes instrumentos. As tres accións comezarán ás 21:00 horas e precisan inscrición. Xa ás 22:15 horas haberá un concerto de The Sar Swing Quartet, con María Arceo na voz, Prisco Marcos na percusión e Iván Arceo nas guitarras.

Xa o xoves 29 de novembro é tempo do microteatro. Proxectarase Amor, loucura e droga dura, con Tolemia, Medievándalos, Sal do teatro, Cisma, Tangatutanga Teatro e Teatro Carauta. Será de 21:00 a 21:50 e tamén é necesaria inscrición previa.

Varias localizacións
Ademais da Casa do Matadoiro, o Centro Xove da Almáciga, o Centro Cívico Aurelio Aguirre de Conxo, As Brañas de Andrés, o campo de fútbol de Belvís e a sede de Ítaca serán outros dos emprazamentos utilizados.

O venres 9 de novembro haberá tres obradoiros distintos nos que se precisa inscrición previa. Nas Brañas de Andrés, Tareixa Martínez impartirá un taller de cociña de 21:30 a 00:00 horas na sede de Itaca, e outro de reciclaxe téxtil da man de O faiado de Nin e A Farrapeira. Será de 20:30 a 22:30 horas. Hadrián Rei será o encargado de impartir un obradoiro de creación gif de 20:30 a 22:00 horas para maiores de 13 anos. Ese mesmo día tamén se ofrece teatro, coa Baixa tempada, de Cavort Teatro, a partir das 21:30 no Centro Xove da Almáciga, e deporte cun taller de achegamento ao fútbol gaélico impartido por Suévia FG, de 21:30 a 23:30 no campo de fútbol de Belvís. Para esta actividade a inscrición está aberta ata o mércores 7 de novembro, supeditada tamén ás condicións climatolóxicas.

O venres 16 volverá impartirse, co mesmo horario e localización, o obradoiro de cociña a cargo de Tareixa Martínez. O Centro Xove da Almáciga acolle a obra teatral Puto amor romántico, de Tangatutanga Teatro, actividade para maiores de 18 anos. Xa ás 20:00 horas é tempo de castañas cun magosto na sede da Asociación Itaca, de entrada libre, e coa actividade "Grande xogo", con saída da praza do Toural.

Teatro, roteiros e obradoiros encherán de ocio o venres 23 de novembro. Repítese de novo o obradoiro de cociña, desta vez coa elaboración de petiscos asiáticos e súmase o obradoiro de xénero e autoestima, impartido por Raquel López. Será na sede de Itaca de 20:30 a 22:30 para mozos e mozas de entre 11 e 16 anos. É precisa inscrición previa. O Centro Xove acolle a partir das 21:30 a obra teatral Historia natural das estrañas criaturas mariñas e, unha hora antes, a Casa do Matadoiro é o punto de saída do roteiro nocturno "Unha partida polas rúas de Compostela", co colectivo A Rula.

O venres 30 de novembro, a Casa do Matadoiro será tamén saída do roteiro surrealista con "As tres nebrosas", un roteiro diferente e improvisado a partir das 20:30 horas. As Brañas de Andrés acollen a última edición dos obradoiros de cociña con Tareixa Martínez para elaborar petiscos festivos, e a sede da asociación Itaca será sede dun obradoiro de cosmética natural con Vero Torrijos (ás 20:30 e tamén con inscrición previa). Finalmente o Centro Xove é o lugar elixido para os xogos de mesa coa asociación 6D6, cunha noite chea de partidas e de xogos clásicos. Entrada libre dende as 20:30 horas.

Inscricións
As inscricións faranse semanalmente enchendo o formulario en liña que cada luns estará dispoñible en itaca.gal e nas redes sociais. Tamén hai posibilidade de anotarse na actividade o propio día sempre e cando queden prazas libres.

Na últimas edición do Boas Noites participaron 657 persoas, implicándose 28 colectivos e 85 persoas colaboradoras, e con 29 actividades programadas.

Direcciones relacionadas



Compartir: