ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

Continúan as xuntanzas preparatorias para a implantación da administración electrónica

06/11/2018 O persoal municipal segue preparándose para a implantación da Administración Electrónica, o proxecto de modernización máis importante da historia recente do Concello de Santiago. Este mediodía celebrouse unha reunión de traballo da empresa provedora do servizo, T-Systems, coas xefaturas dos diferentes departamentos municipais.

Na reunión, a empresa presentou o traballo preliminar que tiña elaborado sobre os procedementos administrativos a seguir unha vez implantada a Administración Electrónica. Os traballadores e traballadoras puideron facer as súas achegas sobre os trámites habituais nos seus departamentos e formular as súas dúbidas ao respecto. Tras a xuntanza de hoxe, T-Systems completará nos vindeiros días o catálogo de procedementos administrativos para seguir avanzando na implantación do servizo.

O Goberno local destinará máis de 1,8 millóns de euros á nova plataforma da Administración Electrónica, que permitirá dotar ao Concello dunha sede electrónica, dun rexistro electrónico e dun novo xestor de expedientes. Tamén permitirá modernizar a xestión tributaria e de tesourería, ou a xestión do padrón de expedientes. O fin último é avanzar nos compromisos en materia de transparencia, axilizar a relación da veciñanza coa administración e facilitar o desenvolvemento do traballo por parte do persoal municipal.

Compartir: