ALCALDÍA

Fomento presenta un borrador de convenio para o acondicionamento da rotonda de Conxo

05/11/2018 O Ministerio de Fomento vén de entregarlle ao Goberno local o borrador dun convenio para o acondicionamento da rotonda de Conxo, que pasa porque o Concello asuma o mantemento da glorieta. Foi na xuntanza que o alcalde mantivo esta mañá en Madrid co secretario xeral de Infraestruturas, José Javier Izquierdo Ronsero.

O alcalde e o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento reuníronse esta mañá para facer seguimento dos asuntos que o departamento estatal ten pendentes en Santiago, nunha xuntanza na que tamén participaron o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, e o director da Área de Urbanismo, Ignacio Cerrada. Martiño Noriega explicou que unha das cuestións que centrou o encontro foi a demandada urbanización da rotonda de Conxo, "despois dos compromisos explicitados ao respecto por dous ministros de Fomento e por un presidente do Goberno".

O secretario xeral de Infraestruturas entregou na xuntanza un borrador de convenio para a realización das obras que "implicaría que o Concello asuma a titularidade e o mantemento da rotonda, unha vez que o Ministerio de Fomento execute a urbanización". O alcalde explicou que "esta proposta de convenio parece unha boa opción para desbloquear a situación, e o Concello dará unha resposta nos próximos días".

Orbital e "orbitaliño"
Na reunión desta mañá tamén se acordou crear unha comisión técnica de seguimento entre o Goberno central e o Concello para orientar unha solución definitiva para o chamado "orbitaliño", o enlace do orbital norte coa N-550. O alcalde lembrou que se traballa coa premisa de que será o Goberno local quen asuma as expropiacións dos terreos necesarios, mentres que o Ministerio executará as obras. Ademais, o secretario xeral de Infraestruturas lembrou que o proxecto do orbital está finalizado, e á espera de asinar un convenio coa concesionaria da AP-9 para poder iniciar a licitación das obras.

O alcalde aproveitou a xuntanza de hoxe para formular outras demandas en relación ao mantemento da rede viaria da cidade, que é competencia do Ministerio de Fomento.

Compartir: