DEPORTES

Compostela, capital por uns días do fútbol sala europeo

25/01/2007 Os afeccionados ao deporte e ao fútbol sala en particular teñen unha cita no Multiusos Fontes do Sar do 25 ao 28 de xaneiro, co Torneo Europeo de Clubes Campións de Copa de Fútbol Sala. A cidade está a vivir con expectación a celebración deste trofeo, na que o equipo local, o Autos Lobelle, aspira a conseguir o seu primeiro título europeo, tras acadar a Copa de España na anterior temporada. Antes da competición, os participantes acudiron a unha recepción en Raxoi.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e outros membros da Corporación recibiron no Salón Nobre aos representantes de tódolos clubs participantes na competición. Acudiron os máximos responsables dos clubs Luparense (Italia), Spartak de Shelkovo (Rusia), Aktyubrentgen (Kazajistán), Benfica (Portugal), Azkar Lugo e Lobelle de Santiago.

Sánchez Bugallo deulle a benvida aos equipos e expresou a seu convencemento de que o torneo sexa "un espectáculo competitivo". Antes, o concelleiro de Deportes, Manuel Portas, agradecera o esforzo organizativo e manifestara a súa seguridade en que os visitantes marcharán "cun grato recordo de Santiago". Ámbolos dous coincidiron ademais en desexar que sexa o equipo local o que se faga con triunfo.

A competición comezaba este mesmo xoves 25 con dous partidos, entre eles o do anfitrión, Lobelle de Santiago, fronte ao Aktyubrentgen. O propio alcalde e varios membros da Corporación no quixeron faltar á cita, que acabou con empate a dous goles.

Compartir: