CONSORCIO

A RFG achega aos nenos e nenas "O crebanoces" de Chaikovski xunto á compañía de monicreques Per Poc

07/11/2018 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a estudantes de Primaria, mañá xoves e o venres, ás 11:00 horas, no Auditorio de Galicia. E o sábado, ás 18:30 horas, repetirase a actuación para o público infantil e familiar dentro do ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. É a primeira das tres series de concertos didácticos que a orquestra ten programadas para esta temporada.

O concerto deste sábado servirá para dar visibilidade a Sarela, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela, que traballa para lograr a mellora da calidade de vida dos afectados por dano cerebral adquirido e das persoas do seu contorno. Enmárcase dentro do proxecto RFG Solidaria, co que se apoian diversas causas a través da música. Neste caso as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. Ao longo desta temporada a Real Filharmonía de Galicia dedicará varios concertos a apoiar a outras entidades, en particular á Asociación de Empresas de Inserción de Galicia, a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, Proxecto Home Galicia e a Fademga.

Un espectáculo de monicreques de fío e teatro de sombras
Nos tres concertos desta semana levará a batuta o director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave, e contarase coa colaboración do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais. Os/as escolares e as familias participantes nesta iniciativa terán a oportunidade de gozar coas pezas máis destacadas da partitura de O crebanoces, de Chaikovski, unha adaptación do conto de Alejandro Dumas realizada por E.T.A. Hoffmann, que se levará a escena da man da compañía catalá de monicreques Per Poc.

Trátase dun espectáculo de monicreques de fío e teatro de sombras. Sobre o escenario aparecerá "un viaxeiro misterioso, un segredo, unha aventura a lombos da imaxinación, unha melodía que transporta os soños". A música, as luces, as formas, os xogos e os fíos acompañarán aos protagonistas desta historia, que sorprenderá aos máis pequenos e tamén ás súas familias.

O crebanoces de Chaikovski é unha das partituras máis populares. Varias das súas melodías escóitanse con frecuencia na televisión e o cine, en especial durante a época do Nadal. Relata a historia de dous irmáns, Clara e Fritz. O día de Nadal, o padriño de Clara regálalle un crebanoces pero o seu irmán rómpello. Durante a noite, a nena érguese a ver o seu xoguete xa amañado, abrázao e entón todos os xoguetes medran e cobran vida ao seu redor, levándoa a un mundo máxico.

Compartir: