IGUALDADE

O 40% dos mozos e o 25% das mozas adolescentes identifican os celos co amor nas relación de parella

31/10/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou hoxe un estudo elaborado polo Observatorio de Igualdade de Xénero no que se analizan as violencias machistas na adolescencia temperá. Na rolda estivo acompañada de Tania Merelas, doutora en Ciencias da Educación e especialista en Xénero e Políticas de Igualdade.

O estudo tivo como obxectivo obter información sobre os mozos e mozas de entre 14 e 15 anos que cursan 3º da ESO nos institutos de ensino secundario de Santiago. Tal e como sinalou Marta Lois, "buscouse coñecer as súas representacións mentais en relación ao amor e o funcionamento das relacións de parella, así como o grao de coñecemento en relación ás violencias machistas no contexto de parella".

Esta información pode ser de moita utilidade de cara a guiar futuras campañas de información e sensibilización sobre o problema das violencias machistas na adolescencia no concello de Santiago. "Nese sentido elaborouse unha guía para o profesorado coas principais conclusións do estudo e unha banda deseñada coa que se fará unha exposición nos centros", indicou a concelleira.

No estudo participaron preto de 500 rapaces e rapazas dos IES Xelmírez I, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Xelmírez II, Antón fraguas, Pontepedriña, Lamas de Abade e Sar. Leváronse tamén a cabo tres grupos de discusión formados por arredor de 24 persoas por grupo.

Obxectivos
Este estudo busca analizar o grao de interiorización dos mitos do amor romántico na poboación adolescente, coñecer o grao de sexismo interiorizado, avaliar a identificación de formas de abuso e violencias machistas no marco dunha relación de parella e analizar a información coa que conta a poboación adolescente sobre o problema das violencias machistas no marco da parella.

No estudo diferenciouse entre dous tipos de sexismo, o hostil e o benévolo. Dentro do primeiro tipo inclúense actitudes ou condutas discriminatorias explícitas baseadas na suposta inferioridade feminina. No segundo tipo inclúese un tipo de machismo encuberto, onde a base radica nas supostas características femininas: comprensión, benevolencia…

Principais indicadores
Os rapaces mostran un grao de interiorización do sexismo máis elevado que as rapazas, o cal supón unha maior interiorización dos estereotipos de xénero. Os resultados reflicten o elevado nivel de interiorización daquelas afirmacións que fan referencia a características asignadas á muller que teñen que ver cos coidados, coa sensibilidade, coa compaixón, coa capacidade de perdoar ou de sufrir no marco das relacións afectivas.

Ademais, estes niveis de sexismo elévase nos mozos e mozas que aseguraron ter estado namorados/as nalgún momento (71,8%). Así, nos homes elévase o nivel de interiorización do sexismo benévolo e nas mulleres increméntase o nivel de interiorización do sexismo hostil.

Por outra banda, os mozos e mozas teñen dificultades para identificar as causas da violencia machista, de tal xeito que reproducen mitos que poñen o acento en trazos persoais do agresor que, de xeito máis ou menos explícito, rebaixan a súa responsabilidade nos feitos. Así mesmo, confunden agravantes e factores individuais coa causa da violencia en si mesma, tales como trastornos mentais, consumo de alcol ou drogas ou perda de nervios.

O 46,2% dos rapaces non é capaz de identificar o illamento da parella da familia e amizades como unha situación de violencia machista, fronte ao 24,2% das rapazas. Sobre os mitos do amor romántico, cómpre sinalar o nivel de interiorización dos celos, xa que o 25% das rapazas e o 40% dos rapaces identifícanos co amor.

Documentos relacionados



Compartir: