DEPORTES

Un millón de persoas pasaron polo Multiusos de Sar e polo Pavillón de Santa Isabel en 2006

24/01/2007 Ata un millón de persoas pasaron durante o 2006 polo Pavillón Mulitusos Fontes do Sar e máis polo de Santa Isabel. Ademais de acoller eventos relacionados co deporte, o recinto foi escenario de eventos musicais como a ópera Carmina Burana ou o festival de hip hop Microfest. Para facer balance do ano estiveron en Fontes do Sar o concelleiro de Deportes, Manuel Portas, e o xerente do Multiusos, Santiago Cuadrado.

Máis de 10.000 composteláns están abonados para usar estas instalacións, e ao longo do pasado 2006 calcúlase que máis dun millón de persoas pasaron por estes dous complexos. Entre os eventos con maior asistencia destacan Nadalxogo, con 13.000 persoas; a ópera "Carmina Burana", baseada nos poemas profanos de Carl Orff, con 4.200 persoas; o concerto en solidariedade co voluntariado que apagou os incendios deste verán, con 4.000; o Microfest, con 4.500; e outros concertos como o de Mago de Oz e El Canto del Loco, con cifras de entre 5.000 e 9.000 persoas. Mesmo no Nadal, o espectáculo de Winnie the Pooh congregou a 12.000 cativos que quixeron gozar da diversión do simpático oso. "Trátase dunha oferta moi heteroxénea que chama por todos os públicos", sinalou Cuadrado: dende a música medieval ata os estilos máis contemporáneos; dende o público infantil e xuvenil ao adulto.

Compartir: