DEPORTE

Angrois acolle este sábado a segunda proba do VII Circuíto de Carreiras Saudables Corresan

10/10/2018 Chega unha nova carreira do circuíto Corresan, desta vez cunha das probas máis tradicionais do circuíto como é a da Ruta da Prata-Angrois. Será este sábado a partir das 18.00 horas cun percorrido de arredor de 5,2 km para os adultos, 2,4 para sub 16 e 14 e de 1,2 para sub 12 e sub 10.

Trátase dunha das carreiras máis complicadas do circuíto, que servirá para poñer a proba ás persoas que participen xa que conta con desniveis que incrementan a dificultade en relación ao circuíto do mes pasado.

Na rolda de prensa, a edila de Deporte, Noa Morales, estivo acompañada do delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín e do presidente da Asociación Veciñal de Angrois e integrante do Noitebra FC., Martín Rozas. Iván Sanmartín sinalou que "se a proba se celebra no barrio de Angrois é grazas a asociación veciñal do barrio" e lembrou que a inscrición segue aberta ata o xoves ás 23:59.

Pola súa banda Martín Rozas fixo fincapé no "ambiente que se vive en Angrois na fin de semana, co barrio volcado na carreira" e definiu o evento como "moi especial, ao achegar o deporte ás zonas rurais de Compostela".

Horarios
Os escolares 1 (sub 10 e sub 12) teñen a saída ás 18 horas e un percorrido de 1,2 kilómetros, é dicir, unha volta ao circuíto de escolares. Pola súa banda os escolares 2 (sub 14 e sub 16) terán a saída ás 18.15 e percorrerán 2,4 km dando dúas voltas ao circuíto de escolares e as persoas inscritas na categoría de adultos (sub 18 en adiante) sairán a partir das 18:45 horas cun percorrido de 5,2 km e dúas voltas ao circuíto de adultos.

Récord
O circuíto deste ano suscitou moito interese entre a veciñanza logrando unha inscrición récord na modalidade circuíto alcanzando as 700 persoas. Ademais conta coa presenza de atletas de primeiro nivel como Pedro Nimo, Amador Pena ou Nuno Costa.

Compartir: