TURISMO

O turismo de congresos reportou á cidade máis de 270 eventos no 2006

23/01/2007 A reunión do Comité de Dirección do Santiago de Compostela Convention Bureau permitiu coñecer datos sobre a actividade congresual na cidade en 2006. Compostela contabilizou en 2006 un total de 271 eventos, nos que se inscribiron 38.200 participantes. En total, rexistráronse 50 congresos, 15 convencións e 206 xornadas. Destes eventos, 237 recibiron asesoramento do SCCB.

A maior concentración de eventos profesionais produciuse o ano pasado entre os meses de marzo e maio, o que demostra que o turismo profesional é unha motivación capaz de atraer visitantes nas temporadas turísticas consideradas medias ou baixas.

De acordo co concelleiro de Turismo, Francisco Candela, as cifras son lixeiramente inferiores ás do 2005, especialmente pola baixa concentración de eventos de novembro, que se reflectiu ademais no descenso da ocupación hoteleira e do ritmo de crecemento de Lavacolla ese mesmo mes.

Accións comerciais

O SCCB tamén presentou un resumo das súas actuacións comerciais no derradeiro ano, que incluíron catorce grandes eventos e máis de 1.470 contactos efectivos en accións comerciais directas con empresas, asociacións profesionais, axencias de viaxes e organizadores profesionais de congresos.

A isto engádense máis de 18.100 visitas recibidas pola web www.santiagocongresos.com.

Novos membros do SCCB

A xuntanza do comité directivo do SCCB tamén permitiu aprobar a incorporación de cinco empresas, coas que se completa un listado de 64 socios.

Finalmente, tivo lugar a aprobación do orzamento para o 2007, que ascende a 225.000 euros, aportados polos propios socios do CSB (responsables do 33% do financiamento a través da súas cotas), Turismo de Santiago e o Concello.

Isto permitirá levar adiante un ambicioso plan de actuacións que prevé a asistencia do SCCB a cinco grandes feiras especializadas, xornadas de comercialización en Madrid e Barcelona, unha presentación a grandes empresas na capital catalana, 3 presentacións internacionais co Spain Convention Bureau en Gran Bretaña, Italia e Alemaña, e cinco feiras, catro delas internacionais, co Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.

Estudo sobre o turismo de reunións

Á marxe dos datos de 2006, presentouse un estudo sobre o turismo de reunións na cidade que Turismo de Santiago e o Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB) encargaron ao Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) en xuño de 2005.

Compartir: