FESTAS

O festival de hip-hop, prato forte do Día da Ascensión

04/05/2005 O disparo das bombas de palenque anunciaron o comezo das festas da Ascensión, unha celebración que desde sempre se caracterizou pola participación dos mozos e mozas composteláns. Por iso, os espectáculos están dirixidos especialmente aos máis novos, sen esquecer outros aspectos tradicionais como o concurso cabalar, a festa infantil, a festa para os maiores, os xogos populares ou o día da muiñeira, entre outros.

Mañá, xoves 5, Día da Ascensión, un pasarrúas abrirá a programación de actos festivos ás 12.30 da mañá, ao tempo que o teatro de rúa dos Quinquilláns porá en escea Moby Dick na Praza do Toural e a Banda Municipal de Música fará un concerto na Rúa do Vilar. Paralelamente, o Mercado nacional de gando de Santiago, en Amio, acollerá o Concurso Cabalar Ascensión 2005, que inclúe varias exhibicións de doma. Ás 14 do mediodía entregaranse os trofeos do devandito concurso.

Ás catro da tarde, terá lugar o VI Trofeo Festas da Ascensión (Carreira Ciclista), organizado polo Club Ciclista Compostelano, cuxos participantes sairán ás 16 horas da Avda. Juan Carlos I e regresarán ás 19.30.

Xa á noitiña, ás 21 horas, os grupos DJ Tedu, Non Residentz, Dios que te crew e Morodo+Ranking Soldiers (Bancking Band), ofrecerán na Praza da Quintana un Festival de Hip-Hop. Os mayores poderán disfrutar na Alameda coa orquestra Filadelfia e coa rumba fusión dos Remendaos na Praza do Toural.

Os máis pequenos disfrutarán do seu día o venres 6, coa Festa Infantil na Carpa da Alameda a partir das 6 da tarde. Así mesmo, tamén na Alameda ás 20 horas, celebrarase a XXVII Edición do Campeonato de Chave. A orquestra Ismael amenizará a noite na Alameda e Antonio Vega ofrecerá un concerto de balde na Praza da Quintana ás 22 horas, onde presentará o seu último traballo "3000 noches con Marga". Máis tarde, ás 23 horas, o grupo de pop-rock Kalma actuará no Toural.

Compartir: