PROMOCIÓN ECONÓMICA

"De compras por Compostela" amosará a ollada dos fotógrafos Caruncho e Herbello sobre o comercio compostelán

22/01/2007 Os fotógrafos Fran Herbello e José Caruncho plasmarán en 20 instantáneas o dinamismo do comercio compostelán. As fotos poderanse ver na exposición "De compras por Compostela", incluída nas actividades de "Marzo, mes do comercio", promovido pola Concellaría de Promoción Económica. Hervello e Caruncho foron propostos por Manuel Sendón, profesor de fotografía da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e director, xunto a X. L. Suárez, das coleccións do Centro de Estudos Fotográficos.

Está previsto que "De compras por Compostela" se inaugure o 19 de marzo e se clausure o 29 do mesmo mes. Estará composta por 20 imaxes, dez de cada autor, dun metro de altura por un metro de longo, que reflectirán a forza e espírito que hoxe ten o comercio compostelán. As fotos empregaranse para desenvolver posteriores campañas publicitarias da Concellaría de Promoción Económica e Comercio.

"De compras por Compostela" é unha das actividades que se levarán a cabo dentro do programa "Marzo, mes do comercio", deseñado cun dobre obxectivo: dar protagonismo ao comercio nun mes no que xeralmente non o ten e sentar as bases dun programa que se repita cada ano no mes de marzo, recoñecéndolle ao comercio o seu valor. As outras son: unha exposición sobre a historia do comercio compostelán, unha feira de saldos no recinto feiral de Amio e un mercado para nenos. A iniciativa rematará coa II Gala do Comercio Compostela Capital de compras, onde se homenaxeará a cinco destacados comerciantes da cidade.

Compartir: