MEDIO AMBIENTE

O Concello limpará as faixas de especial protección forestal das parroquias rurais

22/01/2007 O Concello realizará traballos de prevención fronte aos incendios forestais nas parroquias nas áreas rurais de Compostela, en virtude do convenio que asinará coa Consellería de Medio Rural. Deste xeito, realizaranse desbroces selectivos na faixas de especial protección e o departamento autonómico achegará, para o desenvolvemento destas tarefas, un máximo de 34.875 euros.

Este convenio sitúase o marco do acordo entre a Consellería de Medio Rural e a FEGAMP asinado en decembro de 2006, para colaborar nas tarefas de prevención de incendios forestais nas zonas delimitadas como faixas de protección de núcleos. A achega da Xunta supón un importe de 775 euros por hectáreas (sobre un máximo de 45 hectáreas).

Nun principio, estas actuacións afectarán ás parroquias consideradas pola xunta como prioritarias e de especial protección: Castiñeiriño, Conxo, O Eixo, Figueiras, Laraño, Villestro, Vidán e San Paio. Non obstante, o Concello pretende incluír tamén as parroquias do Romaño e San Marcos. De non entrar no convenio, afrontaríase a limpeza destas dúas áreas con fondos municipais. En todas elas realizáronse desbroces mecánicos ou manuais, segundo a zona, sempre respectando as especies protexidas e os cultivos agrícolas.

Obrigatorio

A concelleira de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano, lembrou que os propietarios "teñen a obriga de manter as súas parcelas limpas de maleza". No caso de que non o fagan, o Concello poderá limpalas de forma subsidiaria e logo repercutir o custo nos propietarios.

Os propietarios serán os que soliciten a limpeza das súas parcelas, para o cal Medio Ambiente lanzará unha liña de axudas á que se poidan acoller. En calquera, caso, a concelleira indicou que a posta en marcha destes traballos é inminente, xa que as parcelas deberán estar limpas como máximo en primavera.

Cómpre lembrar que a nova Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza urbana contén un apartado dedicado á limpeza dos terreos de propiedade privada, no que se incluíu a limpeza das zonas próximas ás masas forestais. En concreto, recollendo a normativa autonómica, indícase que os propietarios das fincas teñen a obriga de asegurar que as masas forestais e os terreos colindantes ás mesmas estean libres de vexetación na franxa de protección, que está fixada pola Xunta en 25 metros.

Compartir: