ALCALDÍA

Comeza o curso escolar con normalidade para preto de 7.000 alumnos e alumnas de infantil e primaria

12/09/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu o acto de inauguración do novo curso escolar de infantil e primaria, celebrado esta mañá no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación, espazo compartido co CEIP López Ferreiro. No evento estiveron, ademais do alcalde, o edil de Educación, Manuel Dios; o director do CEIP, Xosé Ramón Carril; así como representantes dos grupos políticos en Raxoi, da Escola Municipal de Música, das escolas de Infantil e Primaria de Santiago e as ANPAS.

A primeira xornada deste novo curso transcorreu con normalidade nos colexios de Compostela, tal e como sinalou Manuel Dios na súa intervención. O concelleiro incidiu en que "no Concello realizamos un importante esforzo en mantemento dos centros públicos, con máis de 300.000 euros ao ano".

Pola súa parte, o director do CEIP López Ferreiro, Xosé Ramón Carril, referiuse ao "imprescindible que e o traballo en equipo para ofrecer a mellor Educación para os nenos e nenas". Neste sentido, unha alumna do centro, Saray destacou que "a educación é o que nos permite soñar con ter un futuro a nivel persoal e profesional e soñar cunha sociedade mais xusta para todos e todas".

Finalmente, o alcalde, Martiño Noriega, fixo fincapé no "traballo de todas as persoas vencelladas ao ensino público por facer máis con menos cada ano"

O acto estivo conducido por Marta Bravo, integrante de Pitufa Semifusa, quen amenizou o primeiro día de colexio para os nenos e nenas asistentes a este acto institucional de inicio de curso.

Mantemento
Durante o verán, o Concello destinou máis de 300.000 euros a labores de mantemento nos centros públicos de Compostela. Foron arranxos demandados polos equipos directivos dos centros, tras trasladarllo ao departamento que dirixe Manuel Dios. Dentro das actuacións destacan as remodelacións de varios parques infantís, como o do CEIP de Vite, Rodríguez Xixirei, Raíña Fabiola ou Rial-Laraño.

Realizáronse actuacións importantes en todas as escolas infantís municipais, nas consorciadas do Tambre, San Roque e Tras Parlamento, así como nos centros públicos de educación infantil e primaria. Ademais acometéronse distintas obras de mantemento no Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela, que ascenderon a preto de 20.000 euros, e no Centro Educativo e de Lecer "María Miramontes".

Bolsas de comedor
Neste curso 2018/2019 incrementouse de novo a contía destinada a bolsas de comedor, material escolar, actividades extraescolares e conciliación, chegando aos 585.900 euros e incrementando a contía nun 246% en relación a 2015.

Ademais, existe tamén un cambio nas contías, cun máximo de 90 euros ao mes para sufragar os gastos de comedor escolar, agás importes inferiores, e establécese un fixo de 30 euros para actividades extraescolares. Para o vindeiro curso escolar auméntanse igualmente as bolsas de conciliación, pasando de 50 a 70. Neste caso, o importe sitúase nos 45 euros ao mes.

As contías das bolsas para a adquisición de material escolar mantense nun pago único de 60 euros e dependerán do gasto realizado.

Compartir: