REHABILITACIÓN

O proxecto de rehabilitación integral de Vista Alegre eliminará as terrazas e dotará aos edificios de ascensores exteriores

19/01/2007 Unha vez coñecido polos veciños, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, explicou o proxecto arquitectónico elaborado polo Concello para a rehabilitación dos bloques de vivendas ao amparo da Área de Rehabilitación Integral (ARI). Agora unicamente queda que o Concello, a Xunta e o Goberno central asinen o convenio que permita por en marcha o programa e o acceso ás axudas.

No local social de Vista Alegre, o alcalde, acompañado da concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, e dos técnicos municipais, explicoulles polo miúdo aos veciños as actuacións a realizar, unha vez concluído o estudo de directrices e solucións arquitectónicas realizado polo arquitecto Celestino García Braña. Ademais, coñeceron as distintas axudas ás que se poderá acceder e os trámites necesarios, para que chegada a súa convocatoria, poidan ter lista toda a documentación.

A primeira fase da rehabilitación integral de Vista Alegre comprenderá 200 actuacións e un investimento de 4,9 millóns de euros. Destes, catro destinaranse a rehabilitación (elementos comúns, ascensores, fachadas e cubertas) e o resto á reurbanización de espazos públicos.

Nos edificios, as actuacións pretenden solucionar as carencias e deficiencias dos elementos comúns. Instalaranse ascensores exteriores de caixa acristalada. "Isto obrigará a unha beirarrúa adicional", explicou Sánchez Bugallo. Deste xeito dase solución ao problema de accesibilidade duns edificios construídos sen ascensores e cuxos propietarios en gran parte son xa dunha avanzada idade.

Ademais e en resposta a unha vella reivindicación dos veciños, eliminaranse as terrazas, aínda que se conservarán inicialmente as columnas que as sustentan. A súa supresión dependerá do estudo de cada caso concreto. Os veciños pediron que o derrubo das terrazas se inclúa no proxecto de urbanización, pero isto dependerá de que se produza a cesión da titularidade privada das mesmas.

Os edificios serán impermeabilizados e instalaranse paneis solares nos tellados. "Isto vai supor unha redución na factura de gas e de electricidade para os propios veciños", sinalou o alcalde. Resaltou tamén a imaxe totalmente nova e uniforme que van a ter todos os edificios.

Aparcadoiro

En canto ao proxecto de urbanización, acometerase o acondicionamento das rúas e das zonas verdes. E á vista das novas beirarrúas e da supresión de espazo para o estacionamento de vehículos, ofrecéuselles aos veciños a construción dun aparcadoiro baixo a actual pista deportiva de San Xoan. O Concello sacaría a obra e outorgaríanselle concesións aos veciños, para que eles mesmos puideran executar a obra en función das súas necesidades.

Nesta primeira fase faranse obras en 12 edificios. En total son 47 os que entra dentro da ARI e a estimación é que en catro anos poidan estar rematadas as actuacións en todos eles. A escolla dos edificios para esta primeira etapa farase en función do número de solicitantes, da antigüidade do edificio e da rapidez da actuación. O proxecto quedará agora plasmado nun estudo de detalle, encargado ao redactor ao mesmo redactor do proxecto arquitectónico, Celestino García Graña.

As axudas ás que poderán acceder os propietarios aparecen reflectidas na Ordenanza xeral reguladora das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas nas áreas de rehabilitación integral, presentada hai uns meses pola concelleira de Rehabilitación. Recolle os tipos de axuda, os requisitos e o sistema de reparto en función do nivel de ingresos familiares.

As axudas consistirán en subvencións a fondo perdido do custo das actuacións. Non poderán acceder ás mesmas persoas con ingresos familiares superiores a 6,5 veces o indicador publico de renda de efectos múltiples. A contía máxima da axuda en ningún caso excederá de 20.000 euros por vivenda. No caso de locais nos que o promotor participe das obras de rehabilitación dos elementos comúns, non se poderán superar os 12.000 euros. A cantidade mínima aportada por actuación será de 2.000 euros.

Ademais, o alcalde lembrou que as liñas de crédito con condicións favorables establecidas para a rehabilitación no Casco Histórico, con Caixa Galicia e o Banco Pastor, estenderanse a esta actuación. Tamén se traballa con outra entidade bancaria para outra liña de crédito fixo.

Calidade de vida

O polígono de Vista Alegre foi previsto como espazo urbano con uso residencial no Plan Xeral de 1959, aínda que a primeira fase do barrio non se rematou ata principios de 1970. A consolidación do barrio, tal como se coñece hoxe, non se produciu ata finais dos 80. Hoxe son 752 vivendas, distribuídas en 47 edificios, nas que viven 1.245 persoas segundo os datos do padrón municipal.

Santiago de Compostela é pioneira en Galicia neste tipo de rehabilitación, que afecta a ámbitos que non son estritamente os das áreas declaradas patrimonio histórico. Esta actuación de recuperación integral permitirá elevar a calidade de vida dos veciños de Vista Alegre, igual que sucederá cos dos grupos Compostela e Cardeal Quiroga, en Pontepedriña, que está á espera da súa declaración como Área de Rehabilitación Integral (ARI). Tamén se prevé solicitar unha declaración para a zona da Almáciga.

Compartir: