COOPERACIÓN

Unha técnica de Turismo participará no programa "Vacacións con traballo" do Fondo Galego de Cooperación

22/08/2018 Unha técnica de márketing de Turismo de Santiago, Yolanda Ferro, foi unha das persoas seleccionadas para pasar o mes de outubro en África, dentro do programa "Vacacións con traballo". Trátase dunha iniciativa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Santiago.

A traballadora de Turismo de Santiago foi seleccionada xunto cun técnico da Deputación da Coruña, Manuel Fuentes, entre unha vintena de candidaturas, e vén de participar nunhas xornadas de formación en Pontevedra. Yolanda Ferro, técnica de márketing e cunha ampla experiencia na área da xestión turística, estará destinada no municipio caboverdiano de Santa Cruz. Alí cooperará na promoción do turismo rural, concretamente na vila de Porto Madeira. Segundo a traballadora municipal, "resulta imprescindible aventurarse cada pouco fóra da chamada zona de confort, para refrescar a mirada e poder enfocar dende perspectivas creativas, especialmente en viaxes que supoñen un contacto directo coa localidade". Tamén incidiu en que "nos lugares nos que haxa un certo consenso e mesmo ilusión sobre a necesidade de facer cousas, unha ten a esperanzadora sensación de que a súa achega pode ser un chisco valiosa para emprender proxectos alentadores".

O programa "Vacacións con traballo" busca un dobre obxectivo: achegar unha cooperación técnica ás localidades de destino dos voluntarios e voluntarias, e conseguir que as persoas participantes entren en contacto con novas culturas, tomen conciencia das desigualdades e se convertan en axentes da transformación social cara actitudes solidarias. A súa experiencia vana compartindo a través do blog vacacionscontraballo.wordpress.com e á volta toman parte en diferentes actividades de difusión. Ademais, supervisan os proxectos de cooperación internacional cofinanciados sobre o terreo, ao tempo que contribúen a identificar outros novos. Con esta edición, serán 44 as empregadas e empregados das deputacións e concellos socios do Fondo Galego que colaboraron en países do Sur desde 2006.

O Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 95 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Compartir: