CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia interpretará este venres "O mencer dos soños", do galego Xavier de Paz

09/08/2018 No marco da 61ª edición do Curso Universitario Internacional de Música Española "Música en Compostela", a Real Filharmonía de Galicia participa cun novo concerto mañá venres. Será ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia, baixo a batuta do director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave.

O concerto comezará coa obra O mencer dos soños do coruñés Xavier de Paz (1963). Esta peza, encargada ao compositor no seu día pola propia Real Filharmonía de Galicia, estreouse por primeira vez en Hannover como parte dos actos da Expo celebrada na cidade alemá durante o ano 2000.

De seguido, os/as músicos/as tocarán Impresión nocturna, do compositor galego-arxentino Andrés Gaos (1874-1959). Trátase dunha peza apracible, impregnada dunha profunda melancolía que envolve ao oínte nunha fonda tristeza.

Logo, a orquestra interpretará o Concerto Grosso, do compositor e musicólogo lucense Jesús Bal y Gay (1905-1993), voz galega da xeración musical do 27. E o público terá tamén a oportunidade de desfrutar con dúas obras do compositor e pedagogo valenciano Manuel Palau (1893-1967), Homenaje a Debussy e Divertimento, coa que se pecha a actuación da RFG dentro desta edición de "Música en Compostela".

O Curso Universitario Internacional de Música Española "Música en Compostela" creouse en 1958, por iniciativa do mestre Andrés Segovia. Dende entón, celébrase cada verán en Santiago de Compostela, mantendo a súa finalidade de informar, interpretar e cultivar a música española. En cada edición matricúlanse uns 120 alumnos, de máis dunha vintena de nacionalidades diferentes.

Compartir: