EDUCACIÓN E CIDADANÍA

As obras de mantemento nos centros públicos estarán rematadas para o comezo do novo curso

09/08/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitou hoxe as actuacións de mantemento que o Concello de Santiago está a desenvolver no CEIP de Vite e que se suman ás que se levan a cabo no resto de colexios de infantil e primaria e nas escolas infantís municipais. Na visita estivo acompañado polo director do centro, Pablo Fernández e polo presidente da ANPA, José Soto.

As actuacións en materia de mantemento que o Concello está a levar a cabo durante este verán en todos os centros públicos de Santiago ascenden a 313.357 euros. Trátase de arranxos demandados polos equipos directivos dos centros, tras trasladarllo ao departamento que dirixe Manuel Dios.

Infantil e Primaria
O edil de Educación puido comprobar como avanzan as actuacións de mantemento en Vite, que ascenden a 33.508 euros. No centro substituíuse a carpintería de aluminio, por importe de 17.000 euros, e pintáronse os teitos interiores, por importe de 16.000 euros. Tamén está previsto remodelar a área de xogos do centro, cun investimento de 12.000 euros.

No caso do resto de centros de Educación Infantil e Primaria, tamén están a recibir importantes obras de mellora o CEIP Lamas de Abade e o CEIP das Fontiñas, cun investimento de máis de 30.000 euros. En Lamas de Abade pintarase toda a fachada e substituirase o falso teito dos baños. No caso do CEIP das Fontiñas, a actuación de maior calado será a substitución da cuberta nun módulo de infantil. Tamén destacan os preto de 22.000 euros que se destinarán á substitución de carpintería de aluminio no CEIP Monte dos Postes.

No CEIP Apóstolo Santiago estase a instalar un novo rocódromo para a práctica deportiva do alumnado, ademais da renovación integral do pavillón que está a executar o Departamento de Deporte. No CEIP Arquitecto Casas Novoa invístense 17.000 euros para colocar novo pavimento en varias aulas e para acometer diversas actuacións na cociña do centro. Nos colexios Cardenal Quiroga Palacios, López Ferreiro, Pío XII, Ramón Cabanillas ou Roxos-Villestro estanse a pintar as aulas, arranxando os teitos ou colocando novas varandas, entre outras actuacións.

Escolas e parques infantís
No que ten que ver coas escolas infantís, unha da que maior orzamento está a recibir é a de Conxo, con máis de 25.000 euros para arranxar a cuberta, canalizar as augas pluviais no exterior ou substituír os estores das aulas. Nas escolas infantís coxestionadas co Consorcio de Servizos de Igualdade do Tambre, San Roque e Tras Parlamento tamén se acometen actuacións de calado, como a instalación de pavimento das terrazas exteriores no caso da do Tambre, a substitución e posterior pintado da carpintería exterior na de San Roque, ou o pintado da fachada en Tras Parlamento. Na Escola Infantil Municipal das Fontiñas pintáronse varias aulas e na EIM de Meixonfrío-Salgueiriños colocouse un valado de madeira no xardín exterior da escola.

Durante este verán están a reformarse varios parques infantís dos centros de Educación Infantil e Primaria do municipio. En concreto, destínanse preto de 4.500 euros ao parque do CEIP Rodríguez Xixirei (Lavacolla), case 9.000 ao do Raíña Fabiola e arredor de 2.000 á Escola de Rial-Laraño.

O Concello tamén impermeabilizou o Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela, por un importe de 20.000 euros, e pintou o Centro Educativo e de Lecer "María Miramontes", investindo cerca de 20.000 euros.

Compartir: