ALCALDÍA

A Alameda acolle unha exposición sobre o arquitecto Alejandro de la Sota

06/08/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asistiu esta mañá á inauguración da exposición Alejandro de la Sota 1913-1996, deseñada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en homenaxe ao arquitecto ao que neste ano 2018 se lle dedica o Día das Artes Galegas. A mostra estará ata o vindeiro día 19 na Alameda.

O rexedor fixo un percorrido polos cinco bloques temáticos que compoñen a exposición, acompañado dos organizadores da mesma, pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a xerenta do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, e demais autoridades.

Alejandro de la Sota naceu en Pontevedra, aínda que viviu a maior parte da súa vida en Madrid. A súa obra é expoñente dun racionalismo equilibrado, unindo creatividade arquitectónica e simplicidade construtiva. Foi un dos grandes promotores do industrialismo na construción dos anos 60, introducindo elementos industriais na obra. Os edificios deseñados por De la Sota adoitan combinar, de forma sorprendente, un gran rigor xeométrico, de liñas claras e rectas, coa audacia nas estruturas.

A exposición busca simplificar a un arquitecto complexo, con moitos matices e por iso, ao longo da mesma, se lle da voz a través dos seus textos.

Compartir: