CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia participa en "Música en Compostela" con dous concertos dedicados á música española

06/08/2018 A Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis na 61ª edición do Curso Universitario Internacional de Música Española "Música en Compostela" con dous concertos. O primeiro celebrarase este mércores, 8 de agosto, e o segundo o venres día 10. Ambas citas terán lugar no Auditorio de Galicia ás 20:30 horas, baixo a batuta do director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave.

O concerto do mércores comezará coa obra La madrugada del panadero, do compositor español nacionalizado mexicano Rodolfo Halffter (1900-1987). Esta peza reúne varias danzas de inspiración folclórica.

De seguido, os músicos tocarán o Poemario. Concierto para violín y orquesta de cuerdas do aragonés Antón García Abril (1933), que será interpretado nesta ocasión polo violinista ourensán José Manuel Álvarez Losada. Na actualidade é profesor titular de violín do Conservatorio Superior de Música de las Islas Baleares. Formado en Barcelona, Oviedo e Viena, ten recibido diversos premios en certames nacionais e internacionais para o seu instrumento. Estudou na Universidade de Música e Artes Escénicas de Graz (Austria), con cualificación final de "Matrícula de Honra". A súa actividade artística teno levado a actuar en auditorios de Europa, América e Asia. Ten tocado como solista con diversas orquestras, en particular coa Orquesta de Radio Televisión Española, a Real Filharmonía de Galicia e a Sinfónica de las Islas Baleares. Foi membro, entre outras agrupacións, da Xove Orquestra Gustav Mahler e da Sinfónica de Galicia.

O concerto concluirá coa Sinfonía en Re de Juan Crisóstomo de Arriaga (1806-1926), apodado o "Mozart español" ou "Mozart vasco", debido ás grandes dotes musicais que presentaba xa dende neno, así como á súa prematura morte aos 19 anos de idade.

O Curso Universitario Internacional de Música Española "Música en Compostela" creouse en 1958, por iniciativa do mestre Andrés Segovia. Dende entón, celébrase cada verán en Santiago de Compostela, mantendo a súa finalidade de informar, interpretar e cultivar a música española. En cada edición matricúlanse uns 120 alumnos, de máis dunha vintena de nacionalidades diferentes.

Compartir: