PROMOCIÓN ECONÓMICA E CULTURA

Marzo, mes do comercio en Compostela

17/01/2007 Marzo é un mes no que o comercio, despois do período de rebaixas, abre unha nova tempada comercial. Para promocionar o inicio desta tempada, porase en marcha unha serie de actividades que dinamicen o sector durante todo este mes.

As iniciativas englóbanse baixo o lema "Marzo, mes do comercio". O programa ten un dobre obxectivo: dar protagonismo ao comercio nun mes no que xeralmente non o ten e sentar as bases dun programa que se repita no mes de marzo, recoñecéndolle ao comercio o seu valor. As concellarías de Promoción Económica e de Cultura colaboran neste proxecto.

O programa "Marzo, mes do comercio" constitúe unha expresión concreta nun período temporal determinado da campaña promocional "Compostela capital de compras", que é a marca que se quere facer visible. O noso obxectivo é asentar a posición de Compostela como referencia comercial da Comarca e converter á cidade na referencia comercial de Galicia e o Norte de Portugal.

Coas actividades agárdase que o comercio compostelán logre o posicionamento que lle corresponde polo peso económico e social no Concello, sendo unha referencia de calidade tanto para os composteláns coma para os potenciais clientes da Comarca e da Eurorrexión.

Exposición e un rastro

Os eventos comezarán do 1 ao 16 de marzo coa exposición "A historia do comercio de Compostela". A mostra recollerá os fitos fundamentais da historia do comercio en Santiago ata os anos setenta do século XX e amosará a importancia do comercio na configuración da actual Compostela.

A continuación, os días 17 e 18 de marzo, haberá un rastro no recinto feiral de Amio, denominado "Outlet Compostela". O seu obxectivo é que os comercios da cidade poñan a disposición dos clientes produtos de saldo nun mesmo punto.

Unha nova exposición, neste caso fotográfica, incluirá imaxes que reflictan a forza e o espírito que hoxe ten o comercio compostelán. Exporanse obras dos fotógrafos Fran Hervello e Caruncho. As fotos empregaranse posteriormente para campañas publicitarias.

Do 26 ao 29 de marzo, haberá actividades para os máis pequenos. "Aprende mercando" recreará un mercado para que os rapaces poidan xogar e ao tempo aprender a mercar con responsabilidade.

Gala do Comercio

As actividades rematarán coa II Gala do Comercio "Compostela Capital de Compras". Trátase de render o tributo que o comercio compostelán merece coma un dos sectores que máis riqueza e emprego xera en Santiago. Na Gala homenaxearase a cinco destacados comerciantes de Compostela. Tamén se fará entrega dos premios do Concurso de Escaparatismo e do Concurso de I+C.

Tamén se fará unha campaña de comunicación baixo o lema "Mazo, mes do comercio" dun xeito paralelo ás diferentes actividades O obxectivo é promocionar a actividade comercial durante o mes de marzo.

Compartir: