CULTURA

Schellenberger retorna a Santiago para dirixir á Real Filharmonía de Galicia

17/01/2007 Os amantes da música teñen unha nova cita coa Real Filharmonía no Auditorio de Galicia. Trátase dunha oportunidade excepcional para escoitar un dos escasos concertos clásicos compostos para trompeta, xa que dentro da escea musical prográmanse poucos concertos nos que dito instrumento sexa o protagonista.

O alemán Hansjörg Schellenberger, quen xa dirixiu á orquestra no concerto inaugural da tempada na Catedral, leva a batuta esta vez nun concerto marcado polo bo facer do trompetista da Real Filharmonía, Javier Simó. A RFG mantén así o compromiso adquirido dende o seu nacemento de axuda e promoción dos seus músicos.

Hansjörg Schellenberger obtivo con 17 anos o premio a mellor director de orquestra do Interlochen Music Camp en Estados Unidos. Foi oboísta de prestixio e tocou con directores da talla de Herbert von Karajan, entre outros. Tamén fundou a Haydn-Ensemble Berlin, da que é director artístico.

En 1994 comezou a súa carreira de director de orquestra, que o levou rapidamente a colaborar con importantes formacións como a Jerusalem Symphony, a Orquestra do Maggio Musicale Fiorentino e a Orquestra da Comunidade de Madrid.

A súa paixón pola música actual, desenvolvida polo seu contacto con compositores contemporáneos, verase satisfeita coa inclusión no programa dunha "Serenata para cordas" de 1942, do lucense Bal y Gay, un dos nosos compositores máis coñecidos.

Música para trompeta

A Real Filharmonía actuará acompañada da trompeta do solista Javier Simó, que brillará na interpretación dun "Concerto para trompeta en Mi maior", de Hummel.
Javier Simó iniciou os seus estudios no Conservatorio Superior "Joaquín Rodrigo" de Valencia, onde recibiu o Premio Fin de Carreira, e continuounos na Trompeten Akademie de Bremen. Ademais é Primeiro Premio do I Concurso Nacional de Trompeta "Vicente Prats".

En Alemaña foi trompeta solista da Philharmonie des Schleswig-Holstein Musik Festival e ten colaborado con diversas agrupacións, coma a Orquestra de Músics Valencians ou a Sinfónica de Madrid. No terreo da música de cámara realizou concertos co Quinteto de Metais "Brassmanía" ou o Ensemble Contemporáneo do CGAC (Santiago).

Javier Simó é na actualidade trompeta principal da Real Filharmonía de Galicia, á que se incorporou en 1996, e coa que ten actuado coma solista noutra ocasión, ademais de profesor da Escola de Altos Estudos Musicais.

O programa pecharase coa "Serenata nº 10" de Mozart, coñecida como "Gran Partita", para 12 instrumentos de vento e contrabaixo, unha das grandes obras de cámara da historia e unha obra fundamental para o compositor cara os últimos anos da súa vida.

Compartir: