PROMOCIÓN ECONÓMICA

Aberto ata o 22 de xaneiro o prazo para inscribirse nunha nova fase de Equal Compostela Social

17/01/2007 Xa está en marcha a cuarta fase do Proxecto Equal Compostela Social. O 22 de xaneiro finaliza o prazo de inscrición no curso de Xestión Empresarial, co que comezan as actividades formativas do programa dirixido a colectivos de difícil inserción laboral, como mulleres, mozos, inmigrantes, emigrantes retornados, desempregados de longa duración que desexen crear a súa propia empresa.

A finalidade de Equal Compostela Social, promovido pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, é fomentar a cultura emprendedora na comarca de Santiago a través da constitución de novas firmas. Para acadar este obxectivo a formación compleméntase con titorías personalizadas que se materializan nun Plan de Empresa, con un paquete de axudas de ata 4.800 euros incluídos no programa, e cunha fase de mentoring ou prácticas en empresas de un mes de duración.

Os interesados en inscribirse poden informarse na Concellaría de Promoción Económica e Emprego, no teléfono 981.52.87.17 e na nosa páxina web www.maiscompostela.org. Tamén poden dirixirse aos concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Val do Dubra, Vedra e Teo.

O curso de Xestión Empresarial ten unha duración de 200 horas, que se impartirán entre o 22 de xaneiro e o 16 de marzo en horario de nove da mañá a dúas da tarde. 180 horas dedícanse aos catro módulos formativos nos que se divide a actividade formativa, e as outras 20 horas ao Plan de Empresa. Os catro módulos formativos son: Organización empresarial, Desenvolvemento de marketing e comercialización, Habilidades sociais para o emprendemento e Diagnóstico e optimización económico-financeira.

Titorías personalizadas

O curso compleméntase con titorías personalizadas onde se realiza un asesoramento individualizado que permite analizar e concretar o proxecto empresarial das persoas que participan na formación e materializalo na elaboración do Plan de Empresa. O proceso remata cunha fase de mentoring ou aprendizaxe práctico, de un mes de duración, que consiste na incorporación das usuarias e usuarios a empresas xa consolidades.

A través das titorías tamén se buscan fontes de financiamento externas para axudar na constitución das empresas, que se engaden o paquete de ata 4.800 euros en axudas incluídos no programa. Con este diñeiro finánciase a propia constitución da empresa e as mercadorías, alugueres, subministros, materias primas e publicidade durante os catro primeiros meses de vida da nova firma.

Compartir: