ALCALDÍA E EDUCACIÓN

O alcalde recibe os nenos e nenas saharauís do programa Vacacións en Paz

20/07/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado doutros/as integrantes recibiu as nenas e nenos participantes no programa Vacacións en Paz.

Un ano máis, familias compostelás proporciónanlle unhas mellores vacacións a varios nenos e nenas entre 7 e 12 anos procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís. Estarán en Santiago de Compostela nos meses de xullo, agosto e primeiros de setembro. O Concello faise cargo das pasaxes dos rapaces e rapazas e do seu regreso. Na súa estancia en Santiago, serán sometidos a revisións médicas e participarán en actividades organizadas pola Concellaría de Educación e Cidadanía.

Durante estes algo máis de dous meses, os nenos/as están con familias compostelás acolledoras, que se fan cargo dos gastos de alimentación, vestido e calquera outro derivado da súa estadía.

Unhas mellores vacacións
O programa Vacacións en Paz trata de ofrecer a estes rapaces e rapazas, nados no medio da guerra e sometidos ás súas duras consecuencias, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que isto contribúa, non só á súa formación, senón tamén a mellorar a comunicación e o entendemento entre os pobos, e a promover valores de solidariedade grazas á cooperación das familias compostelás.

Este tipo de visitas son moi importantes para que eles desenvolvan unha concepción do mundo máis ampla e sólida, e para que adquiran uns marcos de referencia elementais e non mediatizados respecto a outros países, dentro do seu propio proceso de maduración persoal e sen prescindir da rica tradición do seu pobo. Ao mesmo tempo, preténdese favorecer a relación de familias de Santiago con rapaces e rapazas doutras culturas.

Compartir: