MOBILIDADE E FESTAS

O Concello pon en marcha un servizo de bus nocturno durante o Apóstolo

19/07/2018 O Concello de Santiago pon en marcha un servizo de bus nocturno durante as festas do Apóstolo, nun proxecto que se enmarca no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide. O reforzo funcionará dende a noite do sábado 21 ata a noite do 31 de xullo.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta deste novo servizo, "co que queremos facilitar que a veciñanza participe nas festas sen ter que botar man dos seus vehículos privados, e sen problemas de aparcamento". Jorge Duarte explicou que "haberá autobuses nocturnos en 12 liñas do transporte urbano, con catro saídas en cada unha delas".

O servizo nocturno funcionará na liña 1, no traxecto Rosalía de Castro-Boisaca; 4, entre As Cancelas e Romaño; 5, no tramo República Arxentina-Vite; 6, entre a rúa do Hórreo e Vilamaior e San Caetano e Os Tilos; 7, no traxecto Valle Inclán-Aríns; e 8, entre Boisaca e Vidán. Tamén haberá autobuses nocturnos na C11 de Fontiñas, a P1 (estación de autobuses-Figueiras), P2 (estación de autobuses-Ortoño), P3 (Valle Inclán-Susana), P7 (Virxe da Cerca-Grixoa), e P8 (Valle Inclán-Villestro). As paradas serán as habituais nesas liñas, e os horarios de saída serán as 00:00 horas, 1:00, 2:00 e 3:00 horas, coa excepción da liña 4 sentido Romaño e da liña 8 sentido Vidán, que terán ambos traxectos as saídas ás 0:30, 1:30, 2:30 e 3:30 horas.

Festa do Escalo
O Concello, a través de Tussa, tamén vai ofrecer un servizo especial de transporte o domingo 22, con motivo da celebración da Festa do Escalo en Chaián. O concelleiro de Mobilidade apuntou que "esta é unha cita moi concorrida, e o espazo de estacionamento é limitado". Os autobuses funcionarán dende as 10 da mañá, con frecuencia cada dúas hora, facendo o percorrido habitual da liña P6. A saída é desde a rúa da Rosa, para pasar por República Arxentina, Xeneral Pardiñas, Praza de Galicia, Virxe da Cerca, Praza de Abastos, San Roque, San Caetano, estrada da Coruña, Polígono do Tambre e Chaián.

Compartir: