FESTAS

O pregón de Nerea Barros abre mañá 14 días de festa no Apóstolo 2018

17/07/2018 Mañá mércores comezan as festas do Apóstolo, 14 días de celebracións marcadas pola elevada presenza de artistas femininas. De feito, na primeira xornada dos festexos as protagonistas son dúas mulleres: Nerea Barros, pregoeira deste Apóstolo, e Bette Smith, que ofrecerá o primeiro concerto das festas, na Praza do Obradoiro.

As festas do Apóstolo comezarán ás 22:30 horas co pregón de Nerea Barros dende o balcón do Pazo de Raxoi. A actriz, nada en Santiago en 1981, ten xa unha longa traxectoria na televisión e no cine, e foi gañadora dun premio Goya á mellor actriz revelación en 2014, pola película La isla mínima. Antes do pregón, Nerea Barros manterá mañá un encontro co alcalde, Martiño Noriega, ás 12:00 horas, no Pazo de Raxoi.

Bette Smith
Despois do pregón, ás 23:00 horas, comezará o primeiro concerto das festas do Apóstolo, a cargo de Bette Smith. A cantante, procedente de Brooklyn, medrou escoitando gospel, blues e soul, e gravou o seu primeiro disco en 2006, From the well of my inner child, que a converteu nunha artista habitual no circuíto musical de Nova Yorq. Once anos despois, e con cambio de nome de por medio, gravou o disco Jetlagger, producido por Jimbo Mathuz. Este traballo situouna, segundo a crítica, como a máis clara sucesora de Sharon Jones. O concerto de Bette Smith será na praza do Obradoiro, con entrada libre.

Compartir: