XUNTA DE GOBERNO

Nova convocatoria de residencias para proxectos de artes escénicas na Sala Agustín Magán

13/07/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a convocatoria de residencias de creación artística e estadías técnicas na Sala Agustín Magán para proxectos de artes escénicas no curso 2018-2019. Trátase da terceira edición desta convocatoria, que está a ser moi ben acollida por compañías e creadores de toda Galicia.

As residencias artísticas na Sala Agustín Magán do Centro Cívico de Santa Marta desenvolveranse entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de xullo de 2019, e terán unha duración máxima de tres semanas. Os beneficiarios poderán utilizar o espazo de luns a venres, e en horario de dez da mañá a dez da noite. O prazo para solicitar as residencias e estadías técnicas permanecerá aberto ata xullo de 2019, e a adxudicación será por orde de presentación, ata un máximo de 25 residencias. As compañías ou persoas beneficiarias deberán programar cando menos unha actividade dirixida ao barrio e/ou un pase con público da obra na que estean a traballar.

Proxecto Emprego E-COM
Outro dos acordos da Xunta de Goberno de hoxe foi a solicitude dunha subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a posta en marcha do programa Emprego E-COM. Trátase dun proxecto que terá unha vixencia de doce meses, e do que se beneficiarán ata cen persoas desempregadas. O proxecto ten un orzamento de 220.000 euros e a axuda que se solicita á Xunta é de 175.000 euros.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: