CASCO HISTÓRICO

Máis preto a futura rede Wimax para o Casco Histórico

15/01/2007 A concesión dunha subvención do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, dentro do programa Cidades Singulares (Plan Avanza) achega a futura rede Wimax para o Casco Histórico. Este proxecto, que foi presentado recentemente, permitirá o desenvolvemento de servizos como a teleasistencia ou a telemedicina e beneficiará a comerciantes, turistas e cidadáns composteláns.

O proxecto conta cun orzamento de 550.000, dos que a subvención supón o 50% (275.000 euros). Grazas a esta iniciativa, tal como sinalou o voceiro do Goberno municipal, Francisco Candela, "Santiago integrarase na rede de cidades dixitais promovida polo Ministerio de Industria para o período 2007-2010, o que permitirá no futuro entrar dunha maneira máis ampla na sociedade da información".

A rede Wimax permitirá incorporar unha zona tan sensible como a Cidade Histórica ás novas tecnoloxías da información e da comunicación. Así, dotaraa das infraestruturas necesarias para que sexa capaz de competir en condicións de igualdade neste ámbito con outras áreas da cidade. A rede estaría en funcionamento a finais de 2007.

WIMAX (Worldwide Interoperability for Microwave Access) permite conexións a Internet de alta velocidade (ata 70 Mbps), inalámbricas, ata unha distancia de 50-60 km e en mobilidade sen perder a conexión. Tamén permite unha adecuación do ancho de banda do canal en función das necesidades da aplicación concreta, garante a seguridade, vía encriptación, da información e ten capacidade para explotar comunicación de voz sobre IP. Empresas como Intel, Motorola, Samsung o Nokia están detrás desta tecnoloxía.

Compartir: