PLENO

O Pleno acorda por unanimidade instar ao novo Goberno do Estado a cumprir os seus compromisos con Santiago

21/06/2018 O Pleno da Corporación acordou este xoves, por unanimidade, instar ao novo Goberno do Estado a cumprir os compromisos pendentes con Santiago, en particular en relación a infraestruturas como a estación intermodal, a EDAR, o peche do orbital ou o acondicionamento da rotonda de Conxo.

O acordo foi adoptado a partir dunha proposición do BNG, que incidiu na necesidade de "trasladarlle ao novo Goberno do Estado a listaxe de obras comprometidas na capital galega, como a execución do enlace orbital completo, a construción da estación de mercadorías da Sionlla, o plan de usos para a vella terminal de Lavacolla, a humanización da rotonda de Conxo, a EDAR ou a construción da estación intermodal".

Na súa intervención, a voceira do grupo de Goberno, Marta Lois, explicou que "o Executivo local estará pendente de que Madrid atenda as demandas de Santiago, e os compromisos que ten adquiridos e que mesmo están orzados". A concelleira explicou que "nas próximas semanas cursaranse as solicitudes de xuntanzas coa ministra de Transición Ecolóxica e co ministro de Fomento, para garantir que lle dean prioridade aos proxectos precisos en Compostela".

Bonotaxi
No pleno de hoxe tamén recibiu luz verde por unanimidade unha proposición do PP para solicitar a modificación das bases das axudas individuais para o uso do taxi como alternativa para as persoas con dificultades de acceso ao transporte público colectivo. A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, adiantou que "mañá mesmo temos previsto aprobar a nova convocatoria de axudas, na que introducimos melloras que foron acordadas con Cogami". Ademais, a edila confiou en que "este ano poidamos conceder máis axudas, posto que a convocatoria será realizada meses antes que o ano pasado".

No apartado das proposicións, tamén se aprobou a presentada polo PSOE relativa á recuperación ambiental do río Sar. O texto insta a Augas de Galicia a facilitar datos detallados sobre a recadación en concepto de canon da auga nos concellos da conca do río Sar dende 2012; a relación e importe dos investimentos efectuados no período 2012-2017 orientados á consecución dos obxectivos medioambientais no río Sar; a relación dos proxectos e o calendario e orzamentos previstos para recuperar o bo estado ecolóxico do río. Tamén se acordou instar aos organismos competentes a informar do estado actual e do calendario previsto para a construción da nova EDAR de Santiago e para ampliación da EDAR de Bertamiráns.

Mocións
No apartado das mocións, o Pleno deulle luz verde por unanimidade á presentada polo PP para a posta en valor do estacionamento e posta en valor da área de estacionamento do contorno do Estadio de San Lázaro. O concelleiro responsable, Jorge Duarte, comprometeuse a acometer as melloras, e aproveitou a súa intervención para "reclamar á Xunta de Galicia que cumpra os compromisos que adquiriu no ano 2012, para dotar a Santiago de oito aparcamentos disuasorios do que só se fixo realidade o de Pontepedriña". Na mesma liña, hoxe foron aprobadas por unanimidade dúas mocións do BNG, unha reclamando diferentes actuacións no barrio de Fontiñas e outra pedindo a retirada dunha antena de telefonía móbil no Restollal. En relación a esta proposta, ao comezo do Pleno interveu un veciño da zona, José Ramón Sánchez.

Na sesión de hoxe participaron outras tres persoas, en relación a outras tantas mocións debatidas na sesión. O primeiro deles foi Ghaleb Jaber Ibrahim, que falou no Pleno en representación do colectivo palestino en Galicia, a raíz da moción presentada polo grupo de Compostela Aberta en relación ás masacres que sofre o pobo palestino na Franxa de Gaza. A proposta saíu adiante cos votos a favor de Compostela Aberta e do BNG, mentres que PP e PSOE optaron pola abstención.

Tamén interveu no Pleno de hoxe María Cana Villar, da asociación querENDO Mulleres con Endometriose, en relación á moción conxunta de Compostela Aberta, PSOE e BNG en apoio a ese colectivo nas súas demandas para mellorar a atención ás mulleres coa enfermidade e a súa divulgación.

Por último, Enriqueta Lois Salgado participou na sesión en nome de Amnistía Internacional, e a raíz da moción conxunta de Compostela Aberta, PSOE e BNG en apoio á liberación e retirada de cargos do presidente de Amnistía Internacional en Turquía e outras once persoas defensoras dos dereitos humanos. Tanto neste como no anterior punto, o PP abstívose.

Compartir: