MEDIO AMBIENTE E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os máis novos sensibilízanse sobre os incendios forestais

13/01/2007 Unha visita ao monte Pedroso puxo fin ao programa de actividades de educación ambiental que, dende o 23 de decembro, puxeron en marcha as concellarías de Medio Ambiente e Centros Socioculturais. O obxectivo desta última actividade era concienciar aos nenos e nenas composteláns sobre a problemática dos incendios forestais.

Esta saída era continuación da xornada de sensibilización celebrada o 5 de xaneiro, na que os rapaces asistiran a unha charla sobre as causas e consecuencias dos incendios forestais, acompañada de experimentos e xogos sobre o tema. Primeiro, os rapaces visitaron unha zona de monte queimado no Pedroso, onde os nenos dispoñían dun caderniño de campo con actividades e xogos didácticos relacionados cos incendios. Os monitores explicáronlles cuestións básicas sobre as causas e a extinción do lume e, de seguido, sacaron conclusións sobre as actuacións para evitar a erosión dun terreo queimado ou sobre os efectos nas especies vexetais.

Unha vez estudado un terreo queimado, os rapaces foron ata unha zona ben conservada do monte. Acompañounos nesta actividade o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, que quixo compartir cos pequenos as súas inquedanzas e suxestións sobre este tema. Recolleuse material vexetal para un herbario, fíxose inventario das especies da zona e sacáronse conclusións sobre as formas de evitar a queima do monte. Todo dende un punto de vista lúdico e participativo.

En total, o programa constou de 11 xornadas, nas que se abordaron diversa cuestións relacionadas coas plantas, cos animais, coa nutrición, coa reciclaxe, co mar ou cos incendios. Uns 210 nenos e nenas participaron cada día. As actividades desenvolvéronse nos centros socioculturais do Ensanche e de Fontiñas. Arumega colaborou co Concello na organización deste programa, financiado por Urbaser.

Todas as actividades transcorreron nun ambiente de diversión, o que non lle restou o seu carácter educativo. E ademais, coa implicación activa dos pais e nais.

Compartir: