TRANSPORTES

A Estación de Autobuses estrea novas cores e rede wi-fi

12/01/2007 A dársena da Estación de Autobuses adáptase ás novas tecnoloxías e dispón xa dunha rede wi-fi (wireless fidelity) á disposición dos seus usuarios. Esta novidade, ademais dun novo teito cheo de cores, foi presentada polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

A nova rede wi-fi, instalada no vestíbulo superior do complexo de transportes, permitirá a calquera viaxeiro conectarse a internet gratuitamente co seu ordenador portátil. É o primeiro espazo público da cidade que ofrece este servizo.

A esta novidade tecnolóxica engádese outra na imaxe da estación. As 75 vigas do teito foron pintadas de diferentes cores, extraídas do conxunto da cidade, combinadas con iconos que igualmente se poden atopar en varios puntos de Compostela. O obxectivo desta actuación é que a estación sexa unha porta de entrada e saída da cidade atractiva para os usuarios, facendo agradables as esperas. Estas cores precisamente son as protagonistas do novo logo da central de transportes.

Estes cambios únense á recente inauguración das escaleiras mecánicas e a outras actuacións previstas, que culminan a renovación dunha estación con máis de 35 anos de vida e a que máis viaxeiros move en Galicia.

Compartir: