PLAN ESTRATÉXICO

Sánchez Bugallo: " O Plan Estratéxico incorporarase como eixo fundamental da actividade do Goberno"

12/01/2007 O Consello Económico e Social acollerá o luns 15 a presentación das conclusións do Plan Estratéxico da cidade de Santiago de Compostela. Afróntase deste xeito un dos últimos pasos para o remate da primeira fase deste proxecto. Quedará un período de consulta cos axentes sociais e aprobación do documento definitivo, no que xa se incorporarán medidas a adoptar en cada un dos apartados.

Sobre as conclusións do Plan, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, apuntou que "non son sorprendentes e gardan relación coas liñas de actuación do Goberno municipal". En particular, indicou que amosa un escenario no que "Santiago foi gañando en tódolos aspectos".Como dato significativo mencionou que o valor engadido bruto é en torno a un 60% superior á media de Galicia. Así, mentres o peso poboacional é do 3,5%, a cidade xera o 5,5% do PIB de Galicia.

Cara o futuro, o alcalde asegurou que o Plan Estratéxico "incorporarase como eixo fundamental da actividade política e institucional do Goberno". Neste sentido e malia ser coñecido o peso fundamental do turismo (o 20% da actividade económica), o proxecto expón a necesidade de "traballar para seguir diversificando a base económica".

Rematada esta fase do Plan, abrirase unha nova, que determinará a forma na que seguir permanentemente o cumprimento dos obxectivos presentados.

Compartir: