MOCIDADE

A Concellaría de Mocidade pon en marcha o proxecto "Corta coas Desigualdades"

15/06/2018 A Concellaría de Mocidade vén de poñer en marcha o proxecto Corta coas desigualdades, que vai desenvolver en colaboración cos institutos de ensino secundario de Santiago para fomentar a reflexión do alumnado sobre as desigualdades de xénero e fomentar os comportamentos de igualdade, respecto e colaboración entre rapaces e rapazas. A actividade foi unha das seleccionadas no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide.

A concelleira de Mocidade deu conta hoxe desta actividade, "que bota man da videocreación para sensibilizar sobre igualdade aos mozos e mozas, e mostrarlles como se enfrontan a diferenzas na súa vida cotiá unicamente por unha cuestión de xénero". Noa Morales explicou que a Concellaría pretende "involucrar ao alumnado dos IES da cidade, e por iso é fundamental a implicación dos centros, cos que se está facendo agora un traballo de contacto".

Está previsto que o programa se desenvolva nos primeiros meses do próximo curso, con sesións semanais dunha hora nas que se traballarán cuestións coma os estereotipos de xénero, as diferenzas no traballo de homes e mulleres tanto no ámbito doméstico como no público, a corresponsabilidade ou a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Os rapaces e rapazas participantes deberán plasmar eses contidos nunha peza audiovisual, que finalmente será proxectada nun encontro conxunto dos diferentes institutos participantes ao remate da actividade.

Experiencias anteriores
Noa Morales lembrou que o Departamento de Mocidade "xa vén organizando outros programas nos institutos relacionados coa igualdade, nalgúns casos seleccionados tamén en anteriores procesos de Orzamentos Participativos nesta área". Así, lembrou os obradoiros Recicla o xénero, que se desenvolveron no curso pasado, e que permitiron recompilar datos estatísticos sobre a percepción da igualdade de oportunidades e da violencia de xénero entre a mocidade. Ese informe confirmaba que "a mocidade aínda acepta o machismo e que máis da metade dos e das adolescentes coñecen relacións de parella nas que se dan comportamentos violentos e de submisión". De aí, incidiu Noa Morales, na importancia de seguir impulsando dende o Concello actividades deste tipo dirixidas á poboación máis moza.

Compartir: