PROMOCIÓN ECONÓMICA

Botan a andar os novos "Batidos Sinérxicos de Economía Social"

14/06/2018 Esta mañá botaron a andar os Batidos Sinérxicos de Economía Social, encontros mensuais enmarcados no programa Compostela Móvese con S de Social 2018. Trátase de sesións temáticas que se celebrarán en diferentes espazos da cidade e que teñen como obxectivo deseñar ferramentas e accións vinculadas á economía social. A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, participou hoxe na primeira das xuntanzas, na sede de Miraxe, Sociedade Cooperativa Galega.

Os Batidos Sinérxicos de Economía Social celebraranse os segundos xoves de cada mes, sempre en horario de 9:30 a 11:30 horas, e ao redor dun almorzo solidario a cargo de Panxea, para que o traballo sexa máis ameno. Co obxectivo de descentralizar o programa, cada encontro será nun espazo diferente de Santiago, vinculado á economía social.

As primeiras sesións do programa están pensadas para lle dar continuidade aos Almorzos do Bo Facer, que se desenvolveron no remate de 2017 e nos que as entidades de economía social lle fixeron achegas e propostas ao Concello para lograr unha aposta real por este modelo. Máis adiante, os Batidos Sinérxicos permitirán traballar sobre temáticas concretas, como economía feminista, tecnoloxías abertas ou consumo sostible.

Encontros mensuais
Os Batidos Sinérxicos de Economía Social arrancaron hoxe mesmo co denominado Batido Bos Días!. Na sesión traballouse na creación dunha campaña de difusión da economía social de Compostela, tendo en conta criterios artísticos e visuais. Xa para o 12 de xullo está prevista a celebración do Batido Sigamos Cooperando, para darlle continuidade ao traballo da anterior sesión e para presentar o novo catálogo da economía social de Compostela.

Xa no mes de setembro, está previsto o chamado Batido Morado, que terá lugar na Gaia dos Nenos, e que terá un marcado enfoque de xénero para visualizar e valorar os coidados e o traballo reprodutivo. Posteriormente, en novembro, celebrarase o Batido Libre, co obxectivo de avaliar en que medida as novas tecnoloxías abertas permiten novos usos á economía social. A última sesión do ano será o Batido Eco Sostible, será para visualizar as novas formas de traballar e consumir dun xeito sostible, ecolóxico e ético.

Xornadas de Economía Social
Como complemento aos Batidos Sinérxicos e por terceiro ano consecutivo, o CERSIA acollerá en outubro, tamén no segundo xoves de mes, unhas xornadas sobre Economía Social. O encontro debe responder a dúas cuestións fundamentais: como axuda a economía social a transformar Compostela nunha cidade máis sostible e solidaria, e de que xeito podemos colaborar con esa transformación dende o punto de vista individual e tamén colectivo.

Todas estas iniciativas forman parte do programa Compostela Móvese con S de Social 2018, ás que o Concello destina un total de 80.000 euros.

Compartir: