SOLIDARIEDADE

Concentración contra o terrorismo

11/01/2007 A Asociación de inmigrantes Gondwana apoiada pola Concellaría de Emigración e Inmigración do Concello de Santiago convocan unha concentración de aopio á manifestación de Madrid.

A concentración terá lugar o próximo sábado 13 ás 12 da mañá na Praza do Toural coincidindo coa manifestación convocada en Madrid para ese mesmo día pola Federación Nacional de Asociacións Ecuatorianas de España (FENADEE), co apoio dos sindicatos UGT e CC.OO. A concentración estará apoiada polo goberno municipal da cidade que se une a esta iniciativa para expresar a súa solidariedade coa colectividade ecuatoriana e manifestar a súa dor aos familiares dos dous compatriotas.

A asociación de inmigrantes Gondwana, e a Concellaría de Emigración e Inmigración do Concello de Santiago de Compostela, fan un chamamento á participación de todo o colectivo de inmigrantes da cidade e tamén á sociedade compostelá para que se unan á concentración do sábado:

So a unión de todos os demócratas pode acabar coa lacra do terrorismo. Con este atentado, ETA, conseguiu acabar coa esperanza de dous cidadáns ecuatorianos e das súas familias de poder levar adiante o proxecto de vida que no seu país lles estaba negado. Os inmigrantes, que vimos de diferentes puntos fuxindo moitas veces de situacións moi similares, queremos poñer os nosos brazos e as nosas voces xunto ás dos españois para que de verdade se logre alcanzar ese obxectivo de paz que é o único importante para poder vivir en igualdade. Como inmigrantes traballamos e aportamos, non temos pancartas nin adoptamos posicións político-partidarias, tamén como inmigrantes queremos defender o noso dereito a vivir en Paz.
POLA PAZ, CONTRA O TERRORISMO.

Compartir: