POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello ponse a disposición da FEMP para colaborar na acollida ás persoas que viaxan no buque Aquarius

12/06/2018 O Concello de Santiago vén de comunicarlle á Federación Española de Municipios e Provincias o seu interese en participar na acollida ás persoas que viaxan a bordo do buque Aquarius. O Goberno local remitiralle nas próximas horas á FEMP un informe sobre as medidas habitacionais e non habitacionais coas que Compostela pode colaborar nese dispositivo.

O Goberno local responde así ás comunicacións remitidas ao longo do día de hoxe pola Federación Española de Municipios e Provincias, solicitando a cooperación dos concellos no dispositivo que coordinará, a través da Oficina Municipal de Axuda ao Refuxiado, a petición da Vicepresidencia do Goberno de España.

O ofrecemento do Concello enmárcase no compromiso de Santiago como "Cidade acolledora" e dalle cumprimento á declaración institucional aprobada no seu día en Pleno, na que a Corporación mostraba "a súa disposición a colaborar de forma activa na solución da gran crise humanitaria que está a padecer a Unión Europea, como consecuencia da chegada de refuxiados", e manifestaba a súa vontade "de por a disposición das administracións públicas competentes a súa capacidade de acollida para contriuír, de forma solidaria, a resolver esta situación".

Compartir: