FESTAS

Aclaración sobre supostas irregularidades na xestión da Festa dos Maiores no período 2012-2016

12/06/2018 Diante da publicación de hoxe en El Correo Gallego dun "suposto caso de malversación" e da tentativa de "tapar graves irregularidades" na xestión da Festa dos Maiores, o Concello de Santiago informa de que actualmente está aberta unha información reservada sobre a xestión desta celebración nas súas edicións de 2012 a 2016.

A decisión foi adoptada con data 9 de maio, a partir dun escrito da Concelleira de Acción Cultural de 2 de maio na que daba conta das anomalías detectadas no seu departamento. O Concello non ten constancia de que exista unha investigación aberta ao respecto por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

O procedemento de información reservada está actualmente en fase de instrución, a cargo dunha funcionaria da Administración Local con Habilitación de Carácter Nacional, e resolverase proximamente. Non é, ademais, o primeiro expediente destas características aberto polo Goberno.

A actuación do Goberno ao respecto está a ser todo o transparente que permite o carácter reservado do procedemento, e mesmo o alcalde informou á oposición, en xunta de portavoces, da apertura dese expediente.

O Goberno de Santiago expresa a súa tolerancia cero con calquera tipo de irregularidade ou suposto caso de corrupción. Iso debe ser compatible co respecto á presunción de inocencia e co respecto polos traballadores e traballadoras do Concello e pola función pública.

Compartir: