CONSORCIO

Un repaso a catro séculos do mosteiro de San Paio

11/01/2007 O mosteiro de San Paio acolleu a presentación dunha nova publicación, editada polo Consorcio, que recorda a historia das súas moradoras durante catro séculos. O libro titúlase "Informaciones de las monjas que habitaron en el Monasterio de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela desde 1499 a 1899" e foi realizado pola Madre María Mercedes Buján Rodríguez.

A obra presenta a orixe, vida e linaxe das monxas que pasaron por este mosteiro, moitas das cales pertenceron ás máis nobres familias da fidalguía galega do momento.

Na presentación do libro, o alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, asegurou que o libro de Mercedes Buján "é unha radiografía do interior do convento que vai ser útil tanto para os estudiosos como para aqueles curiosos que se sinten atraídos por estes espazos pechados que atesoura Compostela". Bugallo tamén fixo referencia ao compromiso do Consorcio á hora de colaborar coa conservación e promoción do patrimonio histórico e artístico da cidade de Santiago coa edición de títulos coma este.

Compartir: